Entrevista a Adolfo de Abel Vilela

PrinterSend to friendPDF version

Entrevista feita polo equipo galego do proxecto Grundtvig "European Heritage"

Mapa do Lugo Medieval / Map of Medieval Lugo

No mes de novembro decidimos, antes de comezar a traballar seriamente nos temas dos que nos ocuparemos no Proxecto Europeo Grundtvig no que estamos integrados, realizarlle unha entrevista á persoa que mellor coñece a nosa cidade (Lugo) desde o punto de vista histórico. A súa contribución parecíanos, e así foi, fundamental para poder relacionar a nosa cidade co Camiño de Santiago e a lírica medieval. En efecto, dificilmente se poden entender estes temas sen coñecer previamente como era Lugo na época medieval desde o punto de vista da estrutura urbana, os modos de vida, o ocio, etc.

Adolfo de Abel na Praza do Campo

Adolfo de Abel Vilela (Lugo, 1946) é doutor en Xeografía e Historia, especialista en arte moderna e contemporánea, e profundísimo investigador da historia da cidade de Lugo á que lle dedicou distintos libros, de entre os cales nos interesa especialmente citar o titulado La ciudad de Lugo en los siglos XII al XV. Urbanismo y sociedad (2009).

1.- Como era o Lugo medieval en canto ás xentes. ¿Numero de habitantes? ¿A que se dedicaban? ¿De que vivían?

O home é exactamente igual sempre, o único que cambia é a tecnoloxía. Nos séculos XII ao XV os ricos vivían na actual Praza do Campo, mentres que no XVIII facíano na rúa do Miño. Eran os mercaderes, moitos deles seguramente xudeos, porque malia a que non estea constatada unha comunidade xudía en Lugo, si hai nomes como Salomón, Adán, Jordán, que delatan esta procedencia.

O motor económico da cidade eran a feira mensual e os e mercados; tamén existían as feiras de ano que duraban varios días.

O número e variedade de artesáns era importante como o atestiguan as denominacións das rúas e a documentación: rúa dos Coiteleiros, Ferrerías, Tinería, Batitales … había tamén xastres, curtidores, zapateiros, etc. Tamén existía xente que se dedicaba á construción, de feito, a obra pública era un motor importante (é o caso da Catedral que se comezou cara a 1129, e os conventos de Santo Domingo, San Francisco e Santa María A Nova). Os que se dedicaban ao comercio vivían na praza do Campo.  

Había tamén criados, por exemplo os membros do cabido tiñan persoas que traballaban para eles, algúns eran cregos, e outros eran chamados como “o home do deián”.

Amais, tanto o bispo como por exemplo o conde de Lemos eran señores e levaban canda eles xentes de armas, tiñan escudeiros.

 É moi difícil saber o número de habitantes, porque na documentación non hai datos sobre o tema. Nos séculos XVII e XVIII había sobre 2000 habitantes e seguramente unha cifra similar sería a poboación medieval.

En canto á estrutura da cidade podemos dicir que da época medieval se conservan na praza do Campo e arredores casas de tipoloxía medieval máis ou menos alteradas e mesmo algunhas que conservan algúns elementos góticos, como é o caso do edificio que na actualidade alberga o Centro de Interpretación do Camiño Primitivo que conserva unha ventá deste estilo. A tipoloxía de casa-torre á que pertence este último edificio era a residencia das familias economicamente máis poderosas, eran de pedra e tiñan varios pisos altos.

O mercado celebrábase no Campo, a feira no Carballal (correspondentes ás actuais san Marcos e praza de Ferrol). Para esta última necesitábase unha carballeira, un pozo ou fonte e sempre tiña próximo unha capela ou outro edificio de tinte eclesiástico. Os conventos (no noso caso santo Domingo e san Francisco) situábanse onde se ubicaba a feira porque estes cobraban as rendas en especie e mediante as transaccións que se daban nestes lugares convertíanas en cartos e tamén recibían esmolas.

Image

O Lugo medieval contaba con tres conventos e un cabido numeroso, así que moitos dos habitantes eran relixiosos.

As partes que podemos diferenciar na cidade son as seguintes:

  • Burgo vello: arredor da catedral
  • Burgo novo: zona de san Pedro e o Castelo
  • Cortiñas de san Román, onde se ubica actualmente a Praza Maior, entre os dous burgos.

O resto do espazo intramuros formábano A Tinería (a rúa dos curtidores) que se situaba no extrarradio para limitar os malos olores; aínda máis lonxe estaba o Carril dos Fornos (rúa dos panadeiros) para evitar os incendios. O resto do espazo estaba ocupado por casas e terras de labranza.

Os restos daquela época, amais das casas ás que aludiamos antes, son o convento de san Francisco, que conserva restos medievais; de santa María a Nova só queda unha peza no Museo Diocesano da catedral; a propia catedral e o trazado das rúas do Burgo Vello e do Burgo Novo. No século XIX o concello decidiu derrubar os soportais das casas medievais que voaban para aumentar o ancho das rúas.

2. No Lugo medieval, que tipo de locais había para actividades culturais e divertimentos, cales eran estes e cal era o grao de participación dos cidadáns?.

Só temos constancia das actividades de ocio dos coengos, pero podemos supoñer que as mesmas ou similares prácticas lúdicas eran realizadas por outros grupos sociais. Existía un xogo, chamado “o pelete”, que era similar ao fútbol; as xentes divertíanse no inverno xogando ás cartas, aos dados, ao xadrez, cazando, e no verán vendo as corridas de touros e tirándolles dardos, indo aos baños ao balneario, facendo merendas a carón do río. Un prato que se consumía nesas ocasións eran ovos que se cociñaban nas brasas envoltos en trapos mollados.

3.- Seguindo a liña social e tamén as maneiras de ocio das xentes de aquela época, tamén está o tema do sexo. Había prostitución?

Non temos datos na documentación nin sobre a súa existencia nin sobre a ubicación dos locais, pero é de supoñer que si existirían. Como curiosidade regulouse nas Normas de bo goberno da cidade (1547) o acceso ás fontes da cidade (que estaban situadas fóra das murallas) para evitar que coincidisen homes e mulleres.

4.- Como funcionaba a asistencia sanitaria naquelas épocas?.Había centros de atención, onde estaban?

Hospitais había moitos, pero funcionaban máis como asilos que cunha finalidade curativa. Temos constancia dos seguintes:

  • Santa Catalina (Porta S. Pedro)
  • S. Bartolomeu (Praza Maior)
  • Santa María do Campo (Armanyá); era o máis importante e foi reconstruído en 1230.
  • Albergaría no Pozo da Pinguela
  • S. Miguel (Porta Miñá)
  • S. Lázaro

O cabido tiña o seu físico ou médico; tamén se dedicaban a tarefas curativas os barbeiros que tiñan que ser titulados. Era frecuente aplicar sangrías con sambesugas.

5.- Como era a muralla daquela?

 Á muralla fáltanlle os pisos das torres, aproximadamente unha terceira parte. As portas poden ter variacións entre a época medieval e a actualidade; consérvase ben a Miñá (que é a única fiel á tipoloxía romana e medieval), as de Santiago, San Pedro e a Falsa están modificadas.

6 – Que sabemos do nivel cultural das persoas da época?

 A maior parte da xente era analfabeta, mesmo nas clases altas; inclusive houbo reis que non sabían ler nin escribir. Os que estudaban eran fundamentalmente os que ían engrosar as filas do clero; obviamente, os comerciantes si posuían coñecementos para poder levar a contabilidade dos seus negocios.

7. Temos datos sobre o número de peregrinos que pasaban pola cidade de Lugo?

Existía un hospital de peregrinos antes do século XI e, amais, os hospitais existentes na cidade van marcando o trazado do camiño na mesma, polo que o número debía ser importante (dado que o número de hospitais era elevado para unha cidade tan pequena), pero non temos datos.

Por un folleto impreso en Estrasburgo en 1496, sabemos que pasou por Lugo Herman Künig von Vach. Eu só atopei unha referencia sobre peregrinos no Libro de Defuntos de san Pedro; tratábase dun suízo, Jacobo Jacquet, que morreu 0 5 de outubro de 1788 xunto ás casas da Ponte, e do que se fai constar que era peregrino. Podemos presupoñer que había moitos máis daquelas zonas de Europa.

8. Que nos podes contar sobre a importancia cultural do camiño?

Detéctanse na cidade inmigrantes de centro-Europa, de feito hai constatado clero de orixe francesa.

Moitos dos modelos de construción son de orixe centro-europea, por exemplo os ferros da porta norte da catedral, do mosteiro de Meira e de Vilar de Donas son idénticos a uns de San Ulrich de Ratisbona (Regensburg). Isto indica que moi probablemente foron elaborados por ferreiros desa procedencia.

Obviamente moitas técnicas e novidades chegaron a través desta vía de peregrinación.

Legal Notice

Image

This page was written by the Spanish team. Only the Spanish team is responsible for its content.
For further information please contact: Jose Armesto o
r María Rodríguez Valcárcel | EPAPU Albeiros
Copyright (c) 2011 by EPAPU Albeiros | Lugo | Galicia | Spain | www.edu.xunta.es/centros/epapualbeiros

Germany

Abendgymnasium Münster Image

www.abendgymnasium-muenster.de
Münster | NRW | Germany

Spain

EPAPU Albeiros

Image

www.edu.xunta.es/centros/epapualbeiros
Lugo |  Galicia | Spain

Netherlands

Horizon CollegeImage

Image

www.horizoncollege.nl
Alkmaar | North-Holland | The Netherlands

Greece

 AEOLIS

Image

www.aeolis.edu.gr
Lesvos Island |  Aegean Sea | Greece 

Theme by Danetsoft and Danang Probo Sayekti inspired by Maksimer