LUGO ROMANO. NOTAS SOBRE A EVOLUCIÓN DO SEU COÑECEMENTO

PrinterSend to friendPDF version

Luz Mª Martínez Arias

Volver ao índice

É pretensión do presente traballo ofrecer unha exposición, ordenada cronoloxicamente, da evolución do coñecemento histórico-arqueolóxico do pasado romano da cidade de Lugo. Non se pode esperar del que recolla mencións a todas as escavacións xa realizadas aquí sobre todo a partir dos anos 1985-86, anos que marcan un fito na arqueoloxía de Lugo, de modo que eses anos sinalan un antes e un despois, como axiña se verá. En consecuencia co anterior, só se fará mención ás grandes escavacións e daquelas que, non sendo tan “grandes” proporcionaron achados destacados ou datos importantes para o coñecemento da historia antiga da cidade. Neste artigo farase tamén un repaso, non só dos principais traballos arqueolóxicos, senón tamén das publicacións máis destacadas sobre o pasado romano de Lucus, sen esquecer os congresos que sobre o tema se realizaron xa e as varias exposicións do material arqueolóxico saído do subsolo de Lugo. Ao final do artigo utilizaranse os diversos repertorios epigráficos do Lugo romano cuxa cuantificación servirá para comprobar, con números, como foi evolucionando no tempo o coñecemento sobre o pasado romano da poboación.

Pártese, neste repaso da historia da arqueoloxía do Lugo romano, do ano 1939. Ese ano, Año de la Victoria, como era obrigatorio facer constar daquela, a Deputación de Lugo publica o traballo de Don Manuel Vázquez Seijas, un dos pais do Museo Provincial da cidade, Lugo bajo el imperio romano. A publicación recolle a conferencia do autor, pronunciada un ano antes no salón de actos da Deputación Provincial a requirimento dos “ilustrados Director y Catedráticos del Instituto Nacional de Segunda Enseñanza”, para conmemorar o segundo milenario do emperador Augusto. Non é esta, certamente, a máis antiga publicación sobre o pasado romano da cidade de Lugo, pero vale como resumo global dos coñecementos que sobre el se tiñan na primeira metade do pasado século, e, por iso, elixiuse como punto de partida para o percorrido que nos propoñemos facer.

O traballo de Vázquez Seijas é un bo expoñente do pouco que daquela se coñecía do pasado romano de Lugo, de xeito que, se esaxeramos un pouco, pódese dicir que, agás as monumentais murallas que circundan a poboación e a construción de Santalla de Bóveda, coñecida xa desde 1926 e que aquí non nos interesa por ser extraurbana, a arqueoloxía romana de Lugo era terra incognita.Image

En resumo, eses escasos coñecementos son os que seguen. Menciónanse as varias canalizacións coñecidas daquela en diversos lugares do subsolo da cidade. Fálase das termas do Miño, pero sen mencionar a súa posible datación. Alúdese a un suposto templo a Celeste, a Venus de Cartago, na Praza de San Domingos, lugar que xa proporcionara varios restos arqueolóxicos soltos. Sitúase o foro romano na Praza do Campo. Seguindo a hipótese de 1843 de Francisco Javier Armesto e Antonio Luís de Arnau1 o resto musivario de Batitales, único coñecido na época de Vázquez Seijas, adscríbese a un posible templo de Diana. A cabeza feminina marmórea, aparecida na zona da Porta de Bispo Aguirre, atribúese a Venus Augusta, engadíndose que no lugar da súa aparición puido ter estado un Collegium Divi Augusti. Das necrópoles, menciónanse os sepulcros exhumados na zona de San Roque en 1864-65 e 1917, ademais das dúas tumbas aparecidas en Recatelo en 1938 e algunhas outras atopadas con posterioridade a esa data. As murallas baixoimperiais (séculos III-IV) atribúense a Vespasiano (69-79 d. C.). Alúdese despois ás varias inscricións procedentes das murallas e doutros lugares da poboación. A ponte considérase obra do emperador Traxano. Menciónanse os fornos e talleres atopados en 1934 na rúa Montevideo e os varios achados numismáticos do subsolo de Lugo, aínda que -dise- non consta a existencia de ningunha ceca na cidade, si se atisba a posibilidade de que as moedas hoxe coñecidas como da caetra puidesen ter sido emitidas por unha ceca lucense. Péchase o traballo que comentamos coa mención ao relevo de Hércules procedente da porta Nova das murallas. Non se toman aquí en consideración, polo seu carácter extraurbano, outros restos romanos aos que alude no seu traballo Vázquez Seijas.

O segundo capítulo da nosa historia constitúeo o período de tempo comprendido entre ese ano de 1939 e os de 1985-86, período que presenta algunhas novidades na arqueoloxía do Lugo romano.

A primeira novidade produciuse o 5 de novembro de 1960 ao rebaixarse o pavimento da Praza de Santa María, é dicir, das proximidades da Catedral. Ese día viu emerxer do subsolo unha piscina de planta rectangular con dúas ábsidas nas cabeceiras e decorada con mosaicos en branco e negro que se datou no século IV d. C. Volta a soterrar tras a súa aparición, desde finais de 2011 a piscina restaurada pode verse baixo o chan da praza a través dunha xanela arqueolóxica.

Catro anos máis tarde, en 1964, o derrubamento dun anaco do paramento interior da muralla, no sector desta próximo ao Círculo das Artes, saca á luz as primeiras escaleiras de acceso ao adarve da fortificación. É a segunda novidade do período de que tratamos e novidade importante para a cerca de Lugo, xa que ata daquela os accesos primitivos da muralla eran totalmente descoñecidos. Hoxe son moitos os xa escavados e restaurados.

1972 é un ano crucial para as murallas romanas de Lugo. Desenvólvese entón a Operación Muralla Limpa, promovida polo lucense don Ramón Falcón, naquel momento Subdirector Xeral de Belas Artes con don Florentino Pérez Embid como Director Xeral. A muralla lucense, xa declarada monumento nacional en 1921, viuse libre a partir de 1972 das casas que se encostaban ao seu paramento exterior2 . Dirixiu as obras o arquitecto don Antonio González Trigo. Poucas foron, aínda que as houbo, as voces discrepantes con esa operación de limpeza. Entre elas cabe destacar a do arquitecto R. López de Lucio que discrepou nun artigo publicado na revista “Ciudad y territorio” de 1978. A operación muralla valeulle ao Concello da cidade o premio Europa Nostra en 1981. O coñecemento da muralla de Lugo ten tres fitos bibliográficos, os dous primeiros anteriores á limpeza da fortificación, o terceiro contemporáneo desta. Trátase do traballo de Ian Richmond de 19313, o de Vázquez Seijas de 19554 e o de Felipe Arias Vilas, de 19725 .

En 1973 aparece un estudo global sobre os mosaicos romanos do antigo Convento Xurídico Lucense que inclúe, naturalmente, o de Batitales e algúns outros restos atopados en Lugo.6

E chegamos así ao último dos eventos relacionados coa cidade romana do período do que estamos a tratar. Referímonos á celebración, nos anos 1975-76, do Bimilenario da cidade, celebración que foi a causa da convocatoria do primeiro congreso científico sobre o Lugo romano no que participaron os “primeiras espadas” da especialidade por esas datas. As actas do coloquio foron publicadas no ano 19777 . Nesa mesma data, e polo mesmo motivo, Lugo acolleu tamén a celebración do XV Congreso Nacional de Arqueoloxía.

Os anos 1985-86, como ao principio se indicou, constitúen o “tempo-eixo” da arqueoloxía romana de Lugo, marcando un antes e un despois no desenvolvemento desta. Todo empezou coa construción de tres aparcadoiros subterráneos noutras tantas áreas do centro histórico da cidade: as prazas do Ferrol, de San Domingos e da Constitución. Moi pouco despois, a construción dun cuarto aparcadoiro, situado agora nos xardíns da Deputación Provincial, enfrontou a esta institución co Concello da cidade e fixo continuar a polémica que levantara a construción dos tres primeiros. Como se ve, pois, os coches están na base do nacemento dunha arqueoloxía normalizada na cidade de Lugo.Image

A polémica levantada polo feito de que os tres primeiros aparcadoiros puidesen destruír posibles restos arqueolóxicos enche as páxinas da prensa local e rexional desde decembro do 85 a xaneiro do 86. O Colexio de Arquitectos local e Adelpha (Asociación para la Defensa Ecológica y del Patrimonio Histórico) encabezaron a loita contra os tres aparcadoiros. Pero a cousa non fixera máis que empezar. Nos primeiros meses de 1986, as prospeccións arqueolóxicas na Praza da Constitución, que dirixía Xulio Carballo Arceo, sacan á luz unha necrópole de inhumación tardorromana composta por uns cen sepulcros. En marzo do 86 as máquinas destrúen a necrópole e continúan as obras do aparcadoiro. A polémica estaba servida. De “vandalismo” foi cualificada esa destrución en varios xornais de tirada nacional. Universidades e varias institucións científicas puxeron o berro no ceo. Catro membros da Comisión Técnica de Arqueoloxía de Galicia presentaron a súa dimisión ante a gravidade dos feitos. A Xunta de Galicia paralizou as obras do aparcadoiro en abril do mesmo ano mentres non se efectuasen escavacións arqueolóxicas previas. Foi daquela cando un arqueólogo italiano nos ensinou que unha das calzadas romanas sacadas á luz tiña a súa saída da cidade amurallada por unha das portas abertas no S. XIX para dar acceso ao que entón era o cemiterio municipal. En maio de 1986, contratado pola empresa Dragados y Construcciones, encargada das obras dos tres aparcadoiros, faise cargo das escavacións arqueolóxicas previas o daquela profesor de Historia Antiga da Universidade de Oviedo, Antonio Rodríguez Colmenero, que dirixirá as escavacións das prazas do Ferrol e de San Domingos. O aparcadoiro da praza da Constitución foi inaugurado en outubro de 1986. En xuño do ano seguinte inauguráronse os outros dous.Image

As escavacións nas dúas prazas mencionadas deixaron claro por primeira vez que Lugo era un xigantesco xacemento arqueolóxico e que as monumentais murallas non se ergueran en van. Unha necrópole de 66 cistas de incineración apareceu no subsolo da praza do Ferrol en xullo de 1986. Fora cortada pola muralla cando esta se levantou a finais do S. III, é dicir, uns 300 anos despois de que a zona comezase a súa andaina como cemiterio. En agosto do mesmo ano emerxen do subsolo de casa número 10 da rúa Armanyá dous magníficos mosaicos, decorado un deles cunha escena do mito cretense de Dédalo, Pasifae e o Minotauro e isto ocorre nunha cidade perdida do finisterre galaico, unha rexión de “escasa ou nula romanización”, segundo defendían daquela certos autores. Os mosaicos de Armanyá, levantados por un equipo de Mérida, incorporáronse ao Museo Provincial, onde hoxe se custodian, en 1996. Unha pequena ara dedicada a Xúpiter informábanos de que na casa vivira, en época de Caracalla (S. III d. C.) Gallio Senior, é dicir, Galión O Vello. De enorme pode cualificarse o caudal de datos sobre a historia antiga da cidade que saíu á luz nas escavacións das prazas do Ferrol e San Domingos. O mesmo cabe dicir dos obxectos exhumados nelas. Aquí non pode facerse recensión a ningunha das dúas cuestións. En 1989 eliminouse da praza de San Domingos a “reconstrución” dalgúns restos arqueolóxicos que nun principio se colocaran aquí.

Tres consecuencias inmediatas derivaron das polémicas escavacións dos aparcadoiros. Unha foi a montaxe da primeira exposición de obxectos arqueolóxicos procedentes da cidade que acolleu o antigo cárcere do Partido nos anos 1986-87. A segunda, o establecemento, por parte da Xunta de Galicia, da normativa para escavacións arqueolóxicas previas á construción de calquera inmoble no recinto histórico de Lugo en 1986. Dous anos máis tarde, móntase o Gabinete de Arqueoloxía dependente do Concello da cidade. Todo iso veu desembocar en que a arqueoloxía de Lugo se convertese por fin nunha actividade normalizada. E esa é a cuarta parte desta historia.

En xullo de 1987 prodúcese un achado que cambia a concepción que entón se tiña do recinto amurallado. Nun solar da Rolda da Muralla, máis ou menos fronterizo coa Porta da Estación, aparece o primeiro resto do primitivo foso con que contaba a muralla de Lucus, un foso en forma de U, dunha anchura de entre 20/25 metros e unha profundidade de 5, situado a uns 5 metros das partes máis saíntes dos cubos ou torres da cerca. Con posterioridade á data de que tratamos apareceron, en distintos sectores, novos restos dese foso.

Dous anos máis tarde, en 1989 polo tanto, escávanse varios sectores da gran necrópole que tivo a cidade romana no barrio que hoxe chamamos de San Roque e que é continuación do sector cemiterial da praza da Constitución, arrasado polas máquinas, segundo se viu xa. As escavacións centráronse no subsolo do antigo Mesón de Aguiar e nas inmediacións da capela que dá nome ao barrio. Había incineracións do S. II e inhumacións baixoimperiais desde o S. III. Unha gran piscina situábase á beira destas tumbas e decorábase con dous relevos nos lugares de entrada e saída da auga. O carneiro e a esfinxe deses dous relevos foron postos en relación con algunhas das relixións orientais que tanto auxe tiveron na baixa romanidade antes do triunfo definitivo do cristianismo, culto tamén da mesma orixe oriental. No mesmo ano de 1989 escávase tamén outra necrópole no Campo de Forca.

A finais da década dos 80 tense xa un cabal coñecemento do acueduto que fornecía de auga á cidade romana, cuxo trazado vén coincidir co que levantou no S. XVIII o bispo Izquierdo e que estivo en uso ata finais da seguinte centuria. Descóbrese a súa captación na zona do Castiñeiro. Na súa primeira parte é un muro de 1’20 metros de altura co especus no seu interior. Despois, unha vaguada obriga a colocalo sobre arcadas apoiadas en pilastras cadradas de algo máis dun metro de lado. Tiña a súa entrada na cidade amurallada por unha fenda próxima á actual Porta de San Fernando. Do acueduto, de época incerta, coñécense hoxe varios restos, entre eles os exhumados (1997) na Praza da Milagrosa e na rúa de San Marcos (2011)8 .

No ano de 1991, no barrio de Recatelo, exhúmanse os restos de cabanas de planta circular de tipo castrexo, da época da fundación da cidade, e na Rúa Nova aparecen, entre outros restos, muros decorados con estuco. Ese mesmo ano comeza a publicarse a revista Larouco, en cuxas páxinas adoitan aparecer as novidades sobre os traballos arqueolóxicos de Lugo9.

En 1993, e non sen polémica de novo, escávase o subsolo para a construción dun novo aparcadoiro, agora situado na rúa Anxel Fole.Image

Ao ano seguinte aparece un cubo orixinal da muralla romana na zona do Campo Castelo, zona alterada da cerca cando no S. XIX a carlistada obrigou a levantar o chamado Reduto Cristina con disposición de baluarte, adaptado pois ás necesidades artilleiras da época. As obras de conservación e posta en valor do cubo remataron en 2002.

En 1994 comezan as obras de construción do Museo de San Roque. Tras varias demoras, o museo abriu por fin as súas portas en 2007. Restos da necrópole e a gran piscina á que antes se aludiu poden contemplarse nel.

O ano 1996 é pródigo en varios eventos culturais en relación co pasado romano de Lugo. Ese ano móntase a segunda exposición de obxectos arqueolóxicos da cidade que reconverte, para iso, o antigo matadoiro municipal en sala de exposicións co nome de Porta Miñá. A exposición forma parte do segundo congreso internacional de temática arqueolóxica que acolle a cidade. Celebrado entre os días 15 e 18 de maio, leva por título “Los orígenes de la ciudad en el Noroeste Hispánico”10. Ademais, aparece, tamén en 1996, o primeiro volume dunha obra monumental de dez previstos sobre a historia antiga e a arqueoloxía de Lugo11.

A fins da década dos 90, o avance do coñecemento arqueolóxico do subsolo urbano, produto das xa numerosas escavacións realizadas nel e malia as limitacións e servidumes inherentes á arqueoloxía de núcleos de poboación actuais, coñécese xa, en liñas xerais, o trazado do foro da vella urbe romana. Trátase dunha praza rectangular de aproximadamente 160 metros por 105, cuns 20.000 metros cadrados de superficie, situada entre as actuais rúas do Progreso, San Pedro, Raíña e praza de San Domingos. O foro ía cruzado, en sentido leste-oeste, polo decumanus máximus que saía da posterior cidade murada pola Porta Miñá. A praza estaba delimitada polo oeste polo que parece ser o cardo máximus que coincide en parte coa actual rúa da Raíña. As anteriores escavacións permitiron ademais o coñecemento a grandes trazos da primitiva cidade aberta, sen murallas, a cidade altoimperial, dunha extensión de 35 hectáreas e como esta disposición quedou alterada cando, nos séculos III ou IV, se levantaron os muros da cidade baixoimperial que deixou fóra sectores habitados da primitiva cidade aberta e englobou intramuros, por outra banda, antigas áreas cemiteriais e, por tanto, non habitadas, desa primeira cidade aberta.

Entre os anos 1998 e 2000, entre as rúas de Armanyá, Catedral e Bispo Basulto exhúmase un gran conxunto termal, quizais de carácter público, que parece ocupar toda unha insula urbana situada ao oeste do foro. Parece remontarse ao século I e estar en uso aínda nos séculos III-V. Podería contribuír indirectamente a datar o acueduto en tempos temperáns, acueduto que sería necesario para alimentar ese complexo termal.Image

Entre 1998 e 2002, en campañas descontinuas, sae parcialmente á luz o que hoxe por hoxe é, sen discusión, a mansión privada máis rica das coñecidas da vella urbe romana. Situada nas proximidades doutras dúas casas patricias, a dunha insula de San Domingos e a do mosaico de Dédalo e Pasifae, é a hoxe musealizada e coñecida como Domus Oceani ou “Casa dos Mosaicos”. Ocupaba a gran casa os solares dos inmobles 20-22 da rúa Doutor Castro, a propia rúa e solares contiguos. A insula, parte da cal ocupa a casa, tiña unha superficie de 14.000 metros cadrados, case tanto como o foro urbano, e daba ao cardo máximus e ao decumanus máximus. Patio porticado, un gran oecus con antesala e unha posible zona termal con hipocausto constitúen a parte coñecida da gran mansión, pero son os magníficos mosaicos e as non menos Imageespectaculares pinturas murais as que converten a casa nun auténtico palacio urbano e veñen demostrar que o vello mosaico de Batitales non estaba só e, desde logo, non pertencía a ningún templo de Diana. A fase final da mansión vai desde fins do século III ou principios do IV ata mediados do século V. Apuntouse a posibilidade de que fose residencia do legado da efémera provincia Hispania Superior descuberta polo recentemente desaparecido profesor de Heidelberg, Géza Alföldy. De ser así, Lugo tería sido capital provincial durante os poucos anos de existencia desa demarcación da terceira centuria, algo que nin os máis optimistas dos vellos tratadistas da historia de Lugo podían nin sequera sospeitar12. As escavacións levadas a cabo nas termas do Miño en 1998 e 99 tamén depararon sorpresas. O descubrimento dunha sala absidada e doutras dependencias veu acompañado dun importante achado epigráfico: tiradas a unha piscina e, ao parecer, rotas á mantenta, atopáronse catorce aras dedicadas a maioría ás ninfas por diversos personaxes. As aras estaban acompañadas por materiais diversos datados no século IV d. C. Consérvanse no hotel-balneario. Non todos os días se producen achados semellantes.

O ano 2000 pasou xa ás efemérides da cidade escrito con letras de ouro e iso porque un comité da UNESCO reunido nunha localidade australiana declarou a muralla romana que rodea a cidade como Patrimonio da Humanidade con todo o que iso supón para o seu mantemento, conservación, estímulo ao turismo, etc. para unha cidade pouco coñecida. Formando parte da campaña de apoio a esa declaración, montouse a terceira gran exposición de obxectos arqueolóxicos de Lugo na sala de Porta Miñá13.

Un edículo dedicado aos Luci e atribuído aos séculos II-III, con planta cadrada duns 3´5 metros de lado e dúas aras, apareceu na rúa de Montevideo no ano 2000 no lugar que, en época romana, ocupaba a saída desde Lucus a Brigantium (A Coruña) pola vía XX. Como veremos, non foi esta a única novidade arqueolóxica dos últimos anos relacionada coas relixións antigas que se practicaron na cidade.

Unha noticia un tanto insólita, e desde logo inesperada, sorprendía os lucenses amantes do antigo no ano 2001: o paramento da muralla, de ton agrisado escuro por causa da cor natural da lousa que o forma, lucía na Antigüidade un branco digno dunha casa andaluza polo feito de ter estado caleado. Queremos imaxinar o sorprendente aspecto esbrancuxado que ofrecería a cerca un día de sol, dos escasos que temos por estes lares, para quen se achegase a ela por unha calquera das varias vías que entraban polas súas portas.

A aparición nos anos 2001-2002 de dous fosos, nunhas escavacións realizadas nos arredores da rúa Montevideo, poden aclarar as orixes da cidade como posible campamento militar durante o transcurso das Guerras Cántabras. Estariamos entón ante uns inicios similares aos de Astorga. Nada ten que ver este posible campamento coa vella hipótese de Schulten que vía no actual trazado urbano do centro de Lugo unha estrutura campamental romana. Pero a posible orixe militar de Lucus habería que poñela en relación con outros dous coñecementos achegados pola arqueoloxía: as moedas chamadas da caetra parecen emitidas por unha ceca aquí instalada no transcurso desas guerras, e apareceron xa en Lugo dous epígrafes que mencionan a estancia aquí da Legio VI.

No ano 2000 comezaran escavacións baixo o casarón que foi dos Montenegro situado fronte á fachada principal da Catedral. Nese solar íanse levantar as instalacións do vicerreitorado da Universidade. Dous anos despois, atopouse aquí o que no seu día foi un mitreo, un templo dedicado ao deus Mitra, de orixe persa, cuxo culto se estendeu polo imperio romano nos anos anteriores ao triunfo definitivo do cristianismo e en pugna con este. É esta a segunda novidade en materia de historia das relixións achegada polos arqueólogos de Lugo. Do mitreo procede unha magnífica ara de case un metro de altura, dedicada a Mitra por un centurión da Legio VII e que ademais nos informa da existencia na cidade dunha statio lucensis, unha oficina de tributos dirixida por persoal militar. A ara é, desde logo, o último achado epigráfico relevante de Lugo. A presenza dun mitreo insospeitado nesta esquina do setentrión peninsular volve poñer en solfa as vellas teorías que incidían na escasa ou nula romanización destas terras norteñas14.

En 2005 tivo lugar en Lugo, no marco da conmemoración do quinto aniversario da declaración da muralla como patrimonio da humanidade, a celebración doutro magno congreso, o dedicado ao estudo das murallas romanas no occidente do imperio. Os días 26 a 29 de novembro dese ano acolleron este evento15.Image

Os anos 2006 e 2007 depararon tres novidades arqueolóxicas reseñables. Foi a primeira a escavación e posterior restauración dos corpos de garda da muralla situados na Porta Miñá. A segunda –nova contribución para a historia das relixións- a escavación dun posible templo rectangular con cabeceira absidada no xardín do Círculo das Artes. Puido ter estado dedicado a Laho Paraliomego. A terceira, o descubrimento dun castro, de cuxa existencia non se sospeitaba, na zona da Piringalla, o que equivale a dicir nas proximidades da antiga cidade romana.

E co ano 2011 chegamos ao final do noso percorrido. Con motivo do décimo Imageaniversario da declaración da muralla como ben mundial, o Concello da cidade publicou a última obra de síntese sobre o pasado romano da urbe16.

No Museo Provincial ingresou, ese mesmo ano, un plano da praza do Campo Castelo do ano 1757, de importancia grande para o coñecemento da muralla de Lugo. O plano, obra do arquitecto Agustín Baamonde, atopábase entre os papeis do arquivo do pazo de Tor e apareceu durante a tarefa de inventario da biblioteca deste pazo. Nel figuran varios cubos da muralla do sector d’ A Mosqueira claramente coroados cada un con tres ventás rematadas en arcos. Vén confirmar, pois, a existencia do tipo de coroamento primitivo dos cubos da muralla, xa coñecido de antigo por un gravado do século XIX, pero con problemas de confirmación material. E en 2011 tamén, aparece o último traballo sobre a arqueoloxía romana da cidade que pecha a nosa recensión da mesma17.

Díxose ao principio deste artigo que se ían utilizar os repertorios epigráficos editados sobre Lucus como forma de observar con números como foi aumentando co paso do tempo o coñecemento sobre a historia primitiva da poboación. Vexamos isto, pois, a modo de colofón.

De 1869 data o volume II da magna obra dirixida por Hübner, o Corpus Inscriptionum Latinarum que recolle 27 inscricións procedentes da cidade de Lugo.

Se damos un salto de case cen anos, atopamos 51 epígrafes aparecidos en Lugo cidade ata o ano 1954 dos que se fai recensión18.

Uns poucos anos máis tarde, en 1979, aparece o que é o terceiro reconto epigráfico da provincia de Lugo19. Nel faise recensión de 54 epígrafes de Lucus.

O último reconto de inscricións lucenses ve a luz o ano 2009. Recóllense nel 94 epígrafes aparecidos na cidade20. Así pois, entre os epígrafes apuntados por Hübner e os recollidos nesta última obra, hai un salto considerable que vén plasmar numericamente os progresos da investigación sobre a cidade romana.

E non queremos pechar estas liñas sen sinalar a aparición, en febreiro de 1988, do que cremos “rei” da epigrafía lucense. Trátase do monólito fundacional da cidade atopado nun solar situado entre a Praza Maior e a rúa dos Cregos. É de granito e de máis de dous metros de altura. Vai dedicado ao emperador Augusto por quen foi o seu legado Paulo Fabio Máximo, fundador da nosa cidade alá polos anos 15-13 antes de Cristo. Preside hoxe a colección arqueolóxica de Porta Miñá, pero pensamos que un baleirado, réplica ou como queira que sexa do mesmo, tería que figurar no lugar máis destacado e céntrico da poboación acompañado dun breve texto que explicase de que se trata: a partida de nacemento en pedra de Lucus Augusti, que -cremos- moi poucas cidades de similar orixe á nosa poden exhibir.

 

Notes:

  • 1 Armesto, F. J. y Arnau, A., Apuntes concernientes al vestigio romano descubierto en la calle de Batitales de la ciudad de Lugo, Imprenta de Pujol y Hermano, Lugo, 1843.
  • 2 Véxase para esta cuestión, Abel Vilela, A., Origen de las edificaciones adosadas a la muralla romana de Lugo, La Voz de la Verdad, Lugo, 1972. Do mesmo autor é un traballo moito máis amplo e recente: A muralla romana de Lugo na documentación dos séculos XVI ao XX, Deputación Provincial de Lugo, Lugo, 2011.
  • 3 Richmond, I. A., “Five towns-walls in Hispania Citerior”, Journal of Roman Studies, XXI, 1931, pp. 87 ss. Trátase do primeiro estudo serio sobre a fortificación lucense feito por quen xa estudara as murallas aurelianas de Roma. O autor definiu o que chamou estilo legionario coas murallas de Lugo, Astorga e León.
  • 4 Vázquez Seijas, M., Fortalezas de Lugo y su provincia (notas arqueológicas, históricas y genealógicas), Deputación Provincial de Lugo, Lugo, 1955, vol. I.
  • 5 Arias Vilas, F., “Las murallas romanas de Lugo”, Studia Archaeologica 14, Universidade de Santiago, Santiago, 1972. Trátase da tesiña do autor dirixida por Alberto Balil, estudoso, entre outras cousas, das murallas baixoimperiais de Barcelona. Arias Vilas data as murallas de Lugo entre os anos 260 e 310. Como traballo máis recente sobre estes recintos pode mencionarse o de Fernández Ochoa, C. e Morillo Cendán, A. publicado en 1991-92 na revista Cuadernos de Prehistoria y Arqueología de la Universidad Autónoma de Madrid.
  • 6 Acuña Castroviejo, F., “Mosaicos Romanos de Hispania Citerior, II, Conventus Lucensis”, Studia Archeologica, 24, Santiago de Compostela, 1973. Nel dátase o mosaico de Batitales no S. III (pp. 19 ss).
  • 7 Actas del Coloquio Internacional sobre el Bimilenario de Lugo, Padroado do Bimilenario de Lugo, Lugo, 1977. Sobre os numerosos actos a que deu pé a celebración dos 2.000 años de Lugo, véxase: Abel Vilela, A., El Bimilenario, Lugo, 1981.
  • 8 Álvarez Asorey, R., Carreño Gascón, M. C. e González Fernández, E., “Aqua nubi. Historia do abastecemento de agua á cidade de Lugo (época romana-Século XX)”, Traballos de arqueoloxía, nº 1, Concello de Lugo, Lugo 2003.
  • 9 A revista é obra do Grupo Arqueolóxico Larouco, que escava na cidade e que dirixe Rodríguez Colmenero. Editada por Edicións do Castro, os seus dous primeiros números subtitúlanse “Revista da Historia primitiva, tradicións orais e patrimonio cultural de Galicia”. Desde o número 3 cambia ese subtítulo polo de “Revista Anual da Antiguedade Galaica”.
  • 10 Con motivo da exposición aparece a primeira publicación global sobre a arqueoloxía romana de Lugo: Rodríguez Colmenero, A. et alii, “Urbs Romana. As orixes da cidade de Lugo”, Traballos de Arqueoloxía, nº. 0, Concello de Lugo, Lugo, 1995.
  • En 1999 publicáronse, en dous grosos volumes, as actas do congreso: Rodríguez Colmenero, A. (coord.), Los orígenes de la ciudad en el noroeste hispánico. Actas del Congreso Internacional. Lugo, 15-18 de mayo, 1996, Deputación Provincial de Lugo.
  • 11 Rodríguez Colmenero, A. (coord.), Lucus Augusti. El amanecer de una ciudad, Fundación Pedro Barrié de la Maza, A Coruña, 1996. En 2001 publicouse o segundo e, de momento, o último tomo da serie: Alcorta Irastorza, E., Lucus Augusti II. Cerámica común romana de cocina y mesa hallada en las excavaciones de la ciudad, Fundación Pedro Barrié de la Maza, Santiago, 2001.
  • 12 González Fernández, E., “Domus Oceani. Aproximación á arquitectura doméstica de Lucus Augusti”, Traballos de Arqueoloxía, nº 2, Concello de Lugo, Lugo, 2005. Do mesmo autor: Lugo arqueolóxico. Casa dos Mosaicos Batitales, Xunta de Galicia, A Coruña, 2005.
  • 13 O Concello da cidade editou o catálogo da exposición co mesmo título desta, Imago Antiqua. Lugo romano, Lugo, 2005. Tamén o Concello celebrou, con outra publicación, a inclusión da muralla na lista do patrimonio mundial: AA.VV., A muralla de Lugo. Patrimonio da Humanidade, Lugo, 2004.
  • 14 Rodríguez Cao, C. (coord), A domus do mitreo, Universidade de Santiago, A Coruña, 2011.
  • 15 As actas do congreso publicounas a Deputación Provincial de Lugo en 2007: Murallas de ciudades romanas en el occidente del imperio. Lucus Augusti como paradigma.
  • 16 Rodríguez Colmenero, A., Lucus Augusti. A cidade romano-xermánica da Fisterra Ibérica. Xénese e evolución histórica (14 a. C.-711 d. C.), Lugo, 2011.
  • 17 Carreras Monfort, C., Morais, R. e González Fernández, E., “Ánforas romanas de Lugo”, Traballos de Arqueoloxía, 3, Servicio Municipal de Arqueoloxía do Concello de Lugo, Lugo, 2011.
  • 18 Vázquez Saco, F. y Vázquez Seijas, M., Inscripciones romanas de Galicia. II. Provincia de Lugo, Instituto Padre Sarmiento de Estudios Gallegos, Santiago, 1954.
  • 19 Arias Vilas, F., Le Roux, P. e Tranoy, A, Inscriptions romaines de la Province de Lugo, Centre Pierre Paris, Paris, 1979, pp. 29 ss.
  • 20 Gómez Vila, J., Epigrafía romana de la provincia de Lugo, 2009, pp. 141 ss.

Volver ao índice

 


Legal Notice

Image

This page was written by the Spanish team. Only the Spanish team is responsible for its content.
For further information please contact: Jose Armesto o
r María Rodríguez Valcárcel | EPAPU Albeiros
Copyright (c) 2011 by EPAPU Albeiros | Lugo | Galicia | Spain | www.edu.xunta.es/centros/epapualbeiros

Germany

Abendgymnasium Münster Image

www.abendgymnasium-muenster.de
Münster | NRW | Germany

Spain

EPAPU Albeiros

Image

www.edu.xunta.es/centros/epapualbeiros
Lugo |  Galicia | Spain

Netherlands

Horizon CollegeImage

Image

www.horizoncollege.nl
Alkmaar | North-Holland | The Netherlands

Greece

 AEOLIS

Image

www.aeolis.edu.gr
Lesvos Island |  Aegean Sea | Greece 

Theme by Danetsoft and Danang Probo Sayekti inspired by Maksimer