Lugo e a lírica medieval

PrinterSend to friendPDF version

María X. Rodríguez Valcárcel

A provincia de Lugo, como non podía ser doutro xeito, tamén estivo presente nas vidas e na produción poética dos nosos poetas medievais, ben como lugar de nacemento ou residencia dos mesmos, ben por aparecer mencionada nalgunha das súas composiciónImages. De seguido imos dar algúns detalles desta relación.

Segundo o especialista portugués Rodrigues Lapa, Lopo Lías, poeta da segunda metade do século XIII, traballou entre Lugo, Monforte de Lemos e O Morrazo. Outros autores afirman que naceu no concello de Oleiros, provincia da Coruña. Foi atacado nunha cantiga por Xoán Romeu de Lugo, de quen falaremos posteriormente. É autor de vinte cantigas de escarnio e maldicir:

A dona fremosa de Soveral
ha de mí dinheiros per preit'atal
que veess'a mí, u non houvess'al,
un día talhado a cas de Don Corral;
e é perjurada,
ca non fez en nada

e baratou mal,
ca desta vegada
será penhorad'a
que dobr'o sinal.
Se m'ela crever, cuido-m'eu, dar-lh'-hei
o melhor conselho que hoj'eu sei:
dé-mi meu haver e gracir-lho-hei;
se mi o non der, penhorá-la-hei:
ca mi o ten forçado,
do corp'alongado,

non lho sofrerei;
mais, polo meu grado,
dar-mi-á ben dobrad'o
sinal que lh'eu dei.

Image

O xograr Lopo desenvolveu o seu labor literario a mediados do século XIII. Aínda que descoñecemos o lugar de nacemento deste autor, Filgueira Valverde atopou nos arquivos da Catedral de Lugo o nome de Lupus, que ben podería referirse a el. Nas súas composicións menciona a romaría de san Leuter que pode corresponderse, ben con Santo Eutelo de Santiago de Mirade (Friol-Lugo), ben con Santo Outelo de S. Esteban de Lagartóns na Estrada (Pontevedra). É autor de once cantigas de amigo e amor. Foi obxecto de escarnio por parte do poeta portugués Martín Soares, quen lle dedicou a cantiga seguinte:

Foi un dia Lopo jograr
á cas dun infançón cantar:
e mandou-lh’ele por odn dar
tres couces ena garganta;
e fui-lh’escass’, a meu cuidar,
segundo com’el canta.

Escasso foi o infançón
en seus couces partir entón,
ca non deu a Lopo entón
mais de tres ena garganta;
e mais merece o jograrón
segundo com’el canta.

Xoán de Requeixo naceu nos primeiros anos do século XIII na localidade lucense de Requeixo (Chantada) na que hai unha ermida dedicada a Santa María do Faro que el menciona nos seus poemas. Desenvolveu a súa actividade literaria entre o segundo e o último cuarto do século XIII. É autor de cinco cantigas de amigo (cantigas de romaría).

Fui eu, madr', en romaria a Faro con meu amigo
e venho d' el namorada por quanto falou comigo.
ca mi xurou que morria
por mi; tal ben mi quería!

Leda venho da ermida e d' esta vez leda serei,
ca falei con meu amigo, que sempre [muito] desexei,
ca mi xurou que morria
por mi; tal ben mi quería!

Du m' eu vi con meu amigo vin leda, se Deus mi perdón,
ca nunca lhi cuid' a mentir por quanto m'ele diss' enton,
ca mi xurou que morria
por mi; tal ben mi quería!

Álvaro (ou Afonso Gomes) é un xograr nado na vila de Sarria que desenvolveu o seu labor literario na segunda metade do século XIII. É autor dunha única composición segura, unha cantiga de escarnio dirixida a Martín Moxa.

Martín Moxa, a mia alma se perca
polo foder, se vós pecado havedes,
nen por bõos filhos que fazedes;
mais havedes pecado pola herva
que comestes, que vos faz viver
tan gran tempo, que podedes saber
mui ben quando naceu Adán e Eva.
Nen outrossí dos filhos barvados
non vos acho i por gran pecador,
senón dos tempos grandes traspassados,
que acordades, e sodes pastor.
Dized'ora, se vejades prazer:
de que tempo podiades seer,
quand'estragou alí o Almançor?
De profaçar a gente sandía
non havedes por que vos embargar
nen por que filhardes én vós pesar,
ca o non dizen senón con perfía.
Dizede-m'ora, se Deus vos perdón,
quando nacestes vós? Ant'a sazón
que encarnou Deus en Santa María?

Xoán Lopes de Ulloa é de ascendencia lucense segundo o estudoso José Joaquim Nunes, quen se basea na orixe do seu apelido. En efecto, os dominios dos Ulloas estendíanse nas terras de Monterroso, entre Santiago e Lugo. Del consérvanse dezaoito cantigas de amor e amigo. Estivo activo entre a década dos 30 e a dos 80 do século XIII.

Sempr'eu, senhor, roguei a Deus por mí
que me desse de vós ben, e non quer.
Mais quero-lh'al rogar e, pois souber
que lh'al rogo, al me dara logu'i,
ca lhe rogu'eu que nunca me dé ben
de vós, e cuido que mi o dé por én.

E per aquesto quero eu provar
Deus, ca muit'ha que lhe por al roguei
de vós, senhor; mais ora veerei
se me ten prol de o assí rogar,
ca lhe rogu'eu que nunca me dé ben
de vós, e cuido que mi o dé por én!

Pois assí é que m'el sempre deu al,
e al desej'eu no meu coraçón,
rogar-lh'-ei est', e cuidará que non
será meu ben, e dara-mi-o por mal,
ca lhe rogu'eu que nunca me dé ben
de vós, e cuido que mi o dé por én!

Xoán Romeu de Lugo menciona a cidade na única cantiga a el atribuída. Sabemos que era un trobador galego da pequena nobreza que precisamente fai sátira de Lopo Lías no seu único texto conservado, polo que podemos situalo cronoloxicamente no terceiro cuarto do século XIII e inicios do seguinte. De feito, en documentación do mosteiro lucense de Vilar de Donas aparece mención dun Johan Romeu. Image

Loavan un día, en Lugo, Elvira
Pérez, a filha d'Elvira Padrõa;
todos dizían que era mui bõa
e non tenh'eu que dizían mentira,
ante tenho que dizían razón;
e Don Lopo Lías diss'i entón,
per bõa fe, que ja x'el melhor vira.
Ficou ja a dona mui ben andante,
ca a loaron quantos alí siían;
e todos dela muito ben dizían;
mais Lopo Lías estede constante:
como foi sempre un gran jogador,
disse que el vira outra vez melhor,
quand'era moça, en cas da Ifante.

O historiador lucense Amor Meilán afirmaba no século XIX que o trobador Pero de Veer nacera na nosa cidade. Outros sitúano en S. Vicente de Ver, ao sur de Bóveda, en terras de Lemos, outros porén discuten esta adscrición para un autor do que nada se sabe apenas. Desenvolveu a súa actividade poética a mediados do século XIII. Conservamos seis cantigas de amigo e dúas de amor.

Ai Deus, que doo que eu de mi ei,
por que se foi meu amigu’ e fiquei
pequena e d’el namorada.

Quando s’el ouve de Julhan a ir,
fiquei, fremosa, por vos non mentir,
pequena e d’el namorada.

Ali ouv’eu de mia morte pavor
u eu fiquei mui coitada pastor,
pequena e d’el namorada.

Image

Fernando Esquío foi un dos nosos máis importantes poetas medievais. Sabemos que non era de procedencia lucense e que pertencía á pequena nobreza. Uns sitúano en Compostela e outros en terras de Neda e Xubia (A Coruña). Desenvolveu a súa actividade a fins do século XIII e inicios do XIV. Conservamos del nove cantigas (catro de amigo, dúas de amor e tres de escarnio) . A cidade de Lugo aparece mencionada na cantiga de amigo dialogada que se transcribe de seguido:

Que adubastes, amigo, alá en Lug'u andastes
ou qual é essa fremosa de que vós vos namorastes?
-Direi-vo-lo eu, senhora, pois me tan ben preguntastes:
o amor que eu levei de Santiago a Lugo,
esse m'aduss'e esse mi adugo.

-Que adubastes, amigo, u tardastes noutro día,
ou qual é essa fremosa que vos tan ben parecía?
-Direi-vo-lo eu, senhora, pois i tomastes perfía:
o amor que eu levei de Santiago a Lugo,
esse m'aduss'e esse mi adugo.

-Que adubastes, amigo, lá u havedes tardado
ou qual é essa fremosa de que sodes namorado?
-Direi-vo-lo eu, senhora, pois m'havedes preguntado,
o amor que eu levei de Santiago a Lugo,
esse m'aduss'e esse mi adugo.

No único cancioneiro relixioso que conservamos, as Cantigas de Santa María de Afonso X o Sabio, a nosa cidade aparece mencionada na cantiga número 77 e nela o rei Sabio menciona unha igrexa da cidade onde ocorreu o milagre da curación dunha muller que tiña “encolleitos os pees e as maos”:


Esta é como Santa Maria sãou na sa ygreja en lugo ha moller contreita dos pees e das mãos.

Da que Deus mamou o leite do seu peito,
non é maravilla de sãar contreito.

Desto fez Santa Maria miragre fremoso
ena sa ygrej' en Lugo, grand' e piadoso,
por ha moller que avia tolleito
o mais de seu corp' e de mal encolleito.
Da que Deus mamou o leite do seu peito...

Que amba-las suas mãos assi s' encolleran,
que ben per cabo dos onbros todas se meteran,
e os calcannares ben en seu dereito
se meteron todos no corpo maltreito.
Da que Deus mamou o leite do seu peito...

Pois viu que lle non prestava nulla meezinna,
tornou-ss' a Santa Maria, a nobre Reynna,
rogando-lle que non catasse despeyto
se ll' ela fezera, mais a seu proveito
Da que Deus mamou o leite do seu peito...

Parasse mentes en guisa que a guareçesse,
se non, que fezess' assi per que çedo morresse;
e logo se fezo levar en un leito
ant' a sa ygreja, pequen' e estreito.
Da que Deus mamou o leite do seu peito...

E ela ali jazendo fez mui bõa vida
trões que ll' ouve merçee a Sennor conprida
eno mes d' agosto, no dia 'scolleito,
na sa festa grande, como vos retreito
Da que Deus mamou o leite do seu peito...

Será agora per min. Ca en aquele dia
se fez meter na ygreja de Santa Maria;
mais a Santa Virgen non alongou preyto,
mas tornou-ll' o corpo todo escorreyto.
Da que Deus mamou o leite do seu peito...

Pero avo-ll' atal que ali u sãava,
cada un nembro per si mui de rig' estalava,
ben come madeira mui seca de teito,
quando ss' estendia o nervio odeito.
Da que Deus mamou o leite do seu peito...

O bispo e toda a gente deant' estando,
veend' aquest' e oynd' e de rijo chorando,
viron que miragre foi e non trasgeito;
porende loaron a Virgen afeito.
Da que Deus mamou o leite do seu peito...

 

BIBLIOGRAFÍA:

  • Brea, M. (coordinadora): Lírica profana galego-portuguesa. Corpus completo das cantigas medievais, con estudio biográfico, análise retórica e bibliografía específica. Santiago de Compostela, Xunta de Galicia, 1996.
  • Matalobos Cerceda, M. C. Lugo e a Lírica Medieval Galego-Portuguesa, Concello de Lugo, Lugo, 1985.

 

 


Legal Notice

Image

This page was written by the Spanish team. Only the Spanish team is responsible for its content.
For further information please contact: Jose Armesto o
r María Rodríguez Valcárcel | EPAPU Albeiros
Copyright (c) 2011 by EPAPU Albeiros | Lugo | Galicia | Spain | www.edu.xunta.es/centros/epapualbeiros

Germany

Abendgymnasium Münster Image

www.abendgymnasium-muenster.de
Münster | NRW | Germany

Spain

EPAPU Albeiros

Image

www.edu.xunta.es/centros/epapualbeiros
Lugo |  Galicia | Spain

Netherlands

Horizon CollegeImage

Image

www.horizoncollege.nl
Alkmaar | North-Holland | The Netherlands

Greece

 AEOLIS

Image

www.aeolis.edu.gr
Lesvos Island |  Aegean Sea | Greece 

Theme by Danetsoft and Danang Probo Sayekti inspired by Maksimer