Os Camiños do Sur

PrinterSend to friendPDF version

Neftalí Platas García

Camiño do Sueste-Vía da Prata

01 Montederramo

02 milagres

03 xunqueira

04 sandias

05 allariz

06 sacro

É o camiño xacobeo galego de maior percorrido.Cruza espazos naturais de gran beleza cun rico patrimonio cultural e ecolóxico. Polo seu dilatado trazado, presenta alternativas e varios accesos a Galicia dende o nordeste de Portugal e a través da conca do Sil que conflúen na cidade de Ourense. O Camiño do Sueste é unha prolongación da calzada romana chamada Vía da Prata que unía Mérida con Astorga.

Comezamos a explicación das distintas alternativas do Camiño do Sueste co pequeno tramo de A Canda-A Gudiña, no cal podemos disfrutar dunhas boas vistas, ademais das igrexas dedicadas a Santa María da Cabeza e a San Martiño.

Despois está o percorrido de A Gudiña-Laza (A Verea Sur). Deixando atrás A Gudiña tómase unha senda que atravesa as impresionantes paisaxes da Serra Seca. Na Parroquia de Santiago de Campos Becerros remata a serra. Se nos desviamos da ruta na Mourisca podemos visitar o santuario mariano de Pena Tallada e subir ao cume da Serra de San Mamede para ver o mosteiro cisterciense de Montederrano (s.XVI-SVII).

De volta á ruta atopámonos co santuario mariano dos Milagres de Monte Medo.

Ao pouco de pasar Eiras entramos na vila de Laza, uníndose á ruta de peregrinación que procede de Chaves(Portugal) e pasa pola localidade de Feces de Abaixo.Unha vez no concello de Verín seguimos ata Tamaguelos, pasamos polo núcleo de Verín e continúa polas inmediacións do castelo de Monterrei. Máis adiante, en Mixós temos unha igrexa prerrománica do s.IX.

Deixamos atrás Vences e Retorta e chegamos de novo a Laza, famosa polos seus entroidos populares e a igrexa de San Xoán de Laza (1701).

O seguinte tramo do itinerario que imos ver é o de Laza-Vilar de Barrio-Xunqueira de Ambía.

A primeira parada neste tramo debe ser a igrexa parroquial d' A Alberguería do s.XVII. Xa en Santa María de Bovéda atopamos a casa grande do Marqués de Bóveda de Lima, cabaleiro de Santiago, e unha capela fundada por el.

Xunqueira de Ambía é un dos principais puntos do Camiño do Sueste. Trátase dun centro espiritual de orixe medieval que conta cunha magnífica igrexa rómanica, un claustro con dependencias anexas e en tempos posuíu un hospital de peregrinos. Na súa orixe (século X) foi un mosteiro dúplice.O templo rómanico de Xunqueira de Ambía foi iniciado en 1164. Pegado á igrexa construíuse no s.XVI un magnífico claustro de estilo tardogótico e influencia portuguesa.

No tramo de Xunqueira de Ambía a Ourense atopamos a capela da Virxe do Camiño, a igrexa de Santa Mariña de Aguas Santas (collendo un desvío) e a igrexa de San Mamede de Cantoña. Mención especial merece o lugar de Vila Nova onde hai casas brasonadas con cruces de ordes militares e cunchas de Santiago.

Outra ruta alternativa pasa por A Gudiña-Verín-Monterrei. Despois de saír d' A Gudiña e deixar atrás diferentes parroquias, chegamos á localidade d' As Vendas da Barreira onde se pode visitar a capela de San Mauro.

A vila de Verín é unha encrucillada de camiños xacobeos e conta coa igrexa barroca do convento e algúns pazos urbanos de interese, entre os que destaca a brasonada Casa do Asistente.

O camiño segue ata Monterrei, protagonizado pola silueta da fortaleza condal. Este impresionante castelo conserva as súas murallas medievais, a igrexa do s.XIII, a torre da homenaxe do s.XV e mais o palacio condal do s.XVI.

O seguinte tramo vai desde Monterrei ata Ourense pasando por Trasmirás, Xinzo de Limia e Allariz.

Deixando atrás Monterrei e despois de cruzar varias vilas e parroquias chegamos a Xinzo de Lima, cuxa igrexa de Santa María ten nun dos seus capiteis unha vieira. O camiño continúa ata Vilar de Sandías coa igrexa parroquial de Santo Estevo (s.XVI).

En chegando a Penedós podemos gozar dunha paisaxe de gran beleza natural e visitar a imaxe rómanica de Cristo crucificado que se conserva na súa igrexa.

Na vila de Allariz destacan as igrexas románicas de San Pedro, Santiago, Santo Estevo e San Xoán de Vilanova. Ao chegar a Augas Santas podemos visitar o castro de Armeá e a igrexa de Santa Mariña. A ruta, antes de entrar no núcleo urbano da capital auriense, pasa pola parroquia de San Breixo de Seixalbo que posúe unha interesante igrexa barroca, unha capela medieval e un cruceiro.

O camiño intérnase no centro de Ourense para visitar a Catedral e a súa capela do Santo Cristo; a fonte das Burgas, as rúas, prazas e pontes sobre o Miño. Esta cidade conta cun notable conxunto histórico_artístico: a ponte romana (s.I), a igrexa conventual de San Francisco e mais o seu claustro (s.XIV), a igrexa da Trindade (s.XVI), pazos dos séculos XVI-XVIII, igrexas barrocas con bos retablos e esculturas e o conxunto catedrálico, co seu gran templo rómanico(s.XII).

En Ourense únense as distintas rutas ata chegar a Santiago. Desde esa cidade, no camiño que nos conduce a Cea atopamos un pazo-castelo preto do lugar de Sobreira. Despois de pasar polos pintorescos lugares de Faramontaos, Biduedo e As Casas Novas chegamos a Cea, que posúe un valioso conxunto etnográfico de Casas tradicionais, fornos comunais, hórreos e alpendres; da época medieval consérvase nas proximidades da vila a igrexa rómanica de San Facundo construída a partir de 1206.

Logo de pasar Cea podemos desviarnos un pouco para coñecer o mosteiro de Oseira, no que destaca a igrexa do s.XII. De volta á ruta, en O Castro de Dozón atópanse o lugar de Mosteiro e a igrexa mosteiral de San Pedro de Vilanova de Dozón (s.XII).O camiño chega ao alto de San Domingos, onde se ergue unha capela dedicada a este santo.

Na vila de Lalín consérvase a igrexa rómanica de San Martiño que forma parte dun mosteiro fundado no século X. No camiño que resta ata Silleda pódese facer un alto nas igrexas rómanicas de Fiestras e Ansemil; xa na vila pódese tomar un desvío para visitar o santuario da Saleta ou as ruínas do mosteiro de Carboeiro. No último tramo que queda do Camiño do Sueste (Silleda-Santiago) non debemos deixar de visitar: a igrexa dedicada a San Cibrao en Chapa, o antigo castro e a capela de Santa Marina en Castrovite e o templo rómanico de Santa María de Loimil. Na parroquia de Santo Estevo de Oca temos un fermoso e célebre conxunto de arquitectura, estanques e xardíns do Pazo de Oca. En Ponte Ulla destaca unha igrexa rómanica e nas súas inmediacións varios pazos.A poucos metros do Pico Sacro, onde podemos disfrutar das paisaxes circundantes, érguese a capela de San Sebastián,do século IX.

Deixando atrás Rubial e Deseiro de Arriba a ruta chega ao concello de Santiago

 

CAMIÑO PORTUGUÉS

07 tui

08 redondela

09 pontevedra

10 caldas

A peregrinación xacobea dende Portugal xa existía na época alto medieval.A ruta nace na beira do río Miño na cidade de Tui. A continuación comentaremos as vilas polas que hai que pasar e os principais puntos de interese.

O itinerario que comeza en Tui lévanos polo casco histórico. A Catedral de Santa María de Tui é digna de ser visitada. Outros puntos que merecen especial atención son o Museo Diocesano de Tui-Vigo, a igrexa do Convento das Clarisas,a igrexa de Santo Domingo de Tui e, xa por último, a igrexa románica de San Bartolomé de Rebordáns.

Dende Tui a Redondela temos como lugares de interese a Capela da Virxe do Camiño,a Ponte da Febre e as capelas da Virxe da Guía e Santiaguiño de Antas.

Ao chegar a Redondela poderemos ver a igrexa de Santiago que ten unha fermosa cuberta estrelada. Cando saímos da vila atopamos a capela das Angustias ou Santa Mariña, despois introducímonos nun bosque e chegamos á histórica Ponte Sampaio onde o exercito napoleónico foi derrotado polo pobo galego armado. Logo de deixar atrás Balteiro, A Carballa e Lusquiños chegamos a Pontevedra.

Pontevedra é unha cidade duns 80,000 habitantes na que podemos ver lugares coma o Santuario da Virxe Peregrina (s.XVIII), as ruínas do Convento de Santo Domingo (s.XIV-XV), a igrexa conventual de San Francisco (s.XIV), a basílica de Santa María a Grande e o Museo de Pontevedra un lugar digno de ser visitado. A Igrexa Conventual de San Francisco alberga numerosas tumbas de membros da nobreza local, entre as que destaca a de Paio Gómez Chariño, eminente trobador do século XIII, quen nunha das súas cantigas, fai referencia ao Apostolo Santiago:

Ai, Sant’Iago, padrom sabido
vós mi adugades o meu amigo!
sobre mar vem quem frores d’amor tem:
mirarei, madre, as torres de Geen.
Ai, Sant’Iago, padrom provado
vós mi adugades o meu amado!
sobre mar vem quem frores d’amor tem:
mirarei, madre, as torres de Geen

Saímos de Pontevedra e seguimos cara ao norte ata alcanzar a igrexa e rectoral de Santa María. A partir de Ponte Balbón a ruta transcurre moi plácida. Hai que salientar un pequeño desvío para ver a pequena igrexa de San Martiño de Agudelo (s.XIII).

O fermoso núcleo de Tibo, con fonte, cruceiro e lavadeiro dá paso a Caldas de Reis. Aquí temos a igrexa de Santa María de Caldas (s.XIII) e, no casco antigo da vila, a igrexa de San Tomé Becket, único templo galego dedicado ao arcebispo de Canterbury (gran chanceler de Inglaterra), asasinado no interior da súa catedral por cortesáns do rei Henrique II de Inglaterra. Máis adiante temos a Ponte de Bermaña, peza medieval de enorme encanto.

O Camiño inicia un suave ascenso para chegar ao conxunto de Santa Mariña de Carracedo. Ao chegar a Ponte Cesures vemos unha ponte de orixe romana co mesmo nome cá vila.

Padrón é a vila máis grande que atopamos antes de chegar a Santiago e nela destacamos a igrexa de Santiago de Padrón, o convento do Carme e aos seus pés a fonte do Carme e o pazo do Bispo de Quito de estilo Barroco. Xa fóra da vila temos a colexiata de Santa María de Iria rodeada polo cemiterio de Adina.

Neste último tramo da ruta podemos coñecer o santuario mariano da Escravitude e a pintoresca aldea de Angueira de Suso.No bosque próximo á Rúa de Francos temos as misteriosas e abandonadas ruínas do Castro de Lupario.

 

 

 


Legal Notice

Image

This page was written by the Spanish team. Only the Spanish team is responsible for its content.
For further information please contact: Jose Armesto o
r María Rodríguez Valcárcel | EPAPU Albeiros
Copyright (c) 2011 by EPAPU Albeiros | Lugo | Galicia | Spain | www.edu.xunta.es/centros/epapualbeiros

Germany

Abendgymnasium Münster Image

www.abendgymnasium-muenster.de
Münster | NRW | Germany

Spain

EPAPU Albeiros

Image

www.edu.xunta.es/centros/epapualbeiros
Lugo |  Galicia | Spain

Netherlands

Horizon CollegeImage

Image

www.horizoncollege.nl
Alkmaar | North-Holland | The Netherlands

Greece

 AEOLIS

Image

www.aeolis.edu.gr
Lesvos Island |  Aegean Sea | Greece 

Theme by Danetsoft and Danang Probo Sayekti inspired by Maksimer