Os pazos

Os pazos

Mª  Luisa Freire Lodeiro

Coñecer os pazos galegos é coñecer a historia do Antigo Réxime en Galicia, especialmente o século XVIII. Nunha época en que o dominio da terra era fundamental, poder acceder á propiedade significaba unha mellora económica e social. Este cambio empézase a notar debilmente a partir do século XVI xa que ata daquela a terra pertencía exclusivamente á Igrexa e aos nobres. Pouco a pouco, certas clases sociais baixas, como os escudeiros da alta nobreza, escribáns e cregos, entre outros, irán acumulando poder ata chegar ao século XVIII. Por iso puideron acceder á titularidade da terra debido ás transformacións socioeconómicas e incluso ao pago de favores políticos. Estes novos propietarios, á súa vez, alugaban as terras a outros campesiños (subforo). Tal feito reportáballes unhas rendas altas, o que facilitou o seu ascenso social e económico e, para evidenciar esta posición, os novos señores construíron casas fidalgas, ou rehabilitaron antigas fortalezas medievais dando lugar ao que hoxe coñecemos como os pazos galegos.

Image

Un pazo galego é pois unha casa grande construída sobre todo en zonas rurais pola pequena fidalguía. A elección do lugar para a construción non se deixaba ao azar e a cotío buscábanse lugares estratéxicos, especialmente lugares altos, para teren unha mellor visión e control das súas posesións. Outras veces, preferían construír no medio da campiña, en vales onde se gozase de microclimas e a terra fose máis fértil. Posto que tiñan un réxime agrario autárquico, o pazo non só era unha residencia, senón tamén unha explotación agraria, grazas á cal podían vivir e manterse.

Os pazos galegos suscitaron o interese non só dos estudosos da historia ou da arquitectura, senón tamén dos escritores españois e galegos. Autores da talla de Emilia Pardo Bazán, Valle Inclán ou Otero Pedrayo, entre outros, inspiráronse neles para escribir as súas novelas, e así reflectir, en certa maneira, como era a sociedade galega daquela época.

A orixe etimolóxica da palabra pazo está na voz latina palatium. Os palatium ou vilas romanas do baixo Imperio romano presentan certo parecido cos pazos, sobre todo no que ten que ver coa planta e a altura de dous pisos. Pero os pazos galegos recibirán influencias arquitectónicas tan modernas como a renacentista, a barroca e a neoclasicista. Á súa vez, a súa construción tamén estaba suxeita ás necesidades e circunstancias do uso e a época. Por exemplo, durante a Idade Media, as construcións facíanse tendo en conta as necesidades defensivas, debido ás frecuentes guerras ou rebelións, e contaban con grandes muros e torres. A medida que as guerras se acababan, estas fortificacións fóronse adaptando ás novas necesidades, que consistían sobre todo en traballar a terra. Un exemplo disto témolo no pazo-fortaleza de San Pedro de Bembibre, en Taboada (Lugo). O seu novo obxectivo será un lugar de residencia tranquilo e sosegado desde o que lle sacarán un maior rendemento económico á terra e iso provoca que moitas fortificacións foron abandonas ou reconstruídas como casa fidalga. Algunhas das fortificacións ou torres quedaron simplemente como elementos decorativos, e como símbolo do poder que posuíra a familia.

Image

Non podemos esquecer tampouco a gran influencia que a arquitectura monástica tivo nestas novas construcións. Galicia é terra tamén de mosteiros e algúns pazos lémbrannos claramente estes edificios. É o caso, por exemplo, do pazo de Abraira, en Vilabade ( Castroverde), do século XVII, cuxa construción se levou a cabo no solar onde antes existira un mosteiro franciscano, do que aínda se conserva a Igrexa do século XIV.

Pero o estilo que máis definiu o pazo foi, sen dúbida, o barroco, como se evidencia no feito de que moitos dos pazos galegos conten con elementos típicos deste estilo: placas recortadas, chemineas de gran tamaño ou amplas escalinatas exteriores. Será durante o século XVIII cando os pazos cobren gran auxe, con construcións máis suntuosas entre as que podemos destacar o pazo de Sistallo en Cospeito, o Pazo de Tor en Monforte ou o pazo de Batán en Monterroso (todos eles na provincia de Lugo). A bonanza económica que reflicten estas construción coincide coa introdución do millo na agricultura, feito importante para as arcas dos fidalgos.

O interior

Os pazos constan de dous pisos: a planta baixa, na que se situaban o celeiro, as cortes e os cuartos do servizo; e a planta alta, parte nobre do edificio utilizada polos señores, na que se estaban a cociña, os salóns, dormitorios, etc.

O centro neurálxico do pazo era a cociña porque nela non só se preparaba a comida para as persoas, senón tamén para os animais. Trátase dun espazo grande e amplo e, en certa medida, simbolizaba o poder dos propietarios dado que cantos máis aparellos posuíse máis rica era a casa. En armarios chamados chineros gardábanse a louza e mantelería e no medio atopábase a lareira de pedra, que servía para cociñar e quentar o fogar. Neste lugar transcorría a maior parte do tempo tanto dos serventes coma dos señores.

Os salóns estaban comunicados entre si. Nesta zona da casa exhibíanse as riquezas dos señores e era precisamente onde estes puñan especial coidado na decoración, como se evidencia no feito de que poidamos atopar pinturas e obras artesás de certo valor, aínda que non tan ostentosas coma nos palacios das cidades. Unha parte importante do salón será a cheminea, centro de reunión onde se concentraban para recibir as visitas. Os salóns utilizábanse de maneira puntual, para recibir ás autoridades tanto eclesiásticas como doutra índole e tamén era frecuentemente o posto escollido para celebrar as vodas dos fillos.

Outra habitación importante dos pazos era a biblioteca, pois nela non só se gardaban os libros, senón tamén os documentos da familia, como contratos forais, testamentos, etc. Desgraciadamente, a maioría destas bibliotecas co tempo foron desaparecendo.

Unha construción popular do interior dos pazos eran uns saíntes de pedra, utilizados como asentos, chamados conversadoiros, lugar onde as mulleres sentaban para compartir as súas confidencias.

Elementos exteriores

Un dito popular afirma: “capela, pombal e ciprés, pazo é”. Estas palabras amosan que o pazo non é a única edificación do fogar fidalgo do século XVIII senón que este tamén contará con xardíns, carballeiras, viñedos, etc.

Image

A capela

Image

A capela normalmente era unha edificación independente ao pazo, aínda que algunhas veces estaba integrada no edificio. Atopábase encostada ao muro da propiedade e tiña dous accesos, un interior, para os señores, e un exterior polo que podían entrar outras persoas.

Adoitaban ser edificacións máis ben sobrias, sen ningunha ornamentación, cunha soa nave, de planta simple e rectangular. Dentro contaban con algún retablo de madeira policromada, imaxes e tribuna. Utilizábanse para celebrar vodas, bautizos e mesmo velorios.

O pombal

Image

 
Image
 

Image

 

Image

 

Image

Nas terras dos pazos adoitaba haber un pombal de estrutura cilíndrica con teito cónico. Aquí criábanse pichóns, que servían como manxar para os señores do pazo en ocasións especiais.

O hórreo

O hórreo é unha das construcións máis representativas da contorna galega. A súa gran importancia, mesmo nos nosos días, débese á súa función para as actividades agrícolas, especiamente para a almacenaxe dos cereais como o millo e outros produtos agrícolas que se situaban nel a secar e así conservalos durante todo o ano.

O hórreo ten unha planta rectangular (a diferenza dos hórreos asturianos que teñen unha planta cadrada) e está sostido por fortes alicerces de pedra. Presenta un elemento curioso, denominado tornaratos, que consiste nunha pedra circular a modo de capitel, que impedía que os ratos puidesen comer a mercadoría alí gardada. As paredes dos hórreos tiñan ocos que permitían a ventilación.

A adega

Nas zonas de produción vinícola, como na Ribeira Sacra ou no Ribeiro, os pazos contaban tamén con adegas, situadas na planta baixa do pazo, xa que se buscaba unha temperatura e humidade apropiadas para a conservación do viño.

O patio

Os patios, que gardan certo parecido ás prazas públicas, atopábanse xeralmente diante das fachadas. A súa estrutura era poligonal. Era un punto importante do pazo, pois cumpría dúas funcións: unha función estética, xa que servía de vestíbulo exterior, e mesmo de escenario, e unha práctica, xa que nel realizábanse labores agrícolas.

Tamén atopamos un patio de tipo claustro formado por varios alicerces que era cuberto por soportais para uso do servizo.

Muralla e portalón

A muralla ou muro estaba construído en pedra e delimitaba a propiedade do terreo. Nela atopamos o portalón que serve de acceso ao interior da propiedade e no que se observa a maior parte da riqueza ornamental, xa que adoita contar con molduras con estrutura de arco e, na cornixa horizontal, pináculos, cruces, brasóns, e en menor medida algunhas esculturas. O portalón podía ademais ter unha ou dúas torres laterais a modo de recordatorio do que foi anteriormente, o seu pasado nobre.

Os xardíns

Os xardíns dos pazos copiaban o estilo francés, estruturado e xeométrico. En moitos deles a auga xogaba un papel importante e por iso é fácil que atopemos estanques, fontes ou outras construcións relacionadas con este elemento da natureza. As fontes pódense atopar tanto no interior do pazo, como peza escultórica, para uso e goce dos que vivían nel, coma nos exteriores, para uso público (podían ser usadas pola xente da aldea e servían tamén de bebedoiro para os animais). Tamén había xardíns de estilo inglés, máis agrestes, pero non chegaron a exercer tanta influencia coma os anteriores.

As árbores máis comúns son os cipreses e tamén as palmeiras, pero estas últimas só nos pazos de costa. Nas carballeiras atopamos carballos, castiñeiros e nogueiras que se utilizaban para a leña ou madeira. Neste lugar tamén se aproveitaba para facer as romarías da parroquia.

Elementos arquitectónicos e ornamentais

Image

 

 
Image

Image

O primeiro que nos chama a atención cando vemos un pazo é a sobriedade destas edificacións, en marcado contraste co estilo barroco da época. Isto seguramente obedece a dúas razóns: a primeira é o material co que se constrúe porque en Galicia é moi común a pedra granítica traballada en forma de sillería ou mampostería e este material é moi duro e difícil de moldear. Doutra banda, seguramente era moi difícil atopar profesionais coa suficiente preparación artística, pois a cultura estética nesta zona era moi escasa. Outro tipo de pedra que podemos atopar, sobre todo na zona de Lugo, é a lousa. Por iso os tellados dos pazos, segundo a zona onde se atopen, poden ser de tella vermella ou de lousa, pero todos eles teñen en común a construción inclinada para favorecer a caída da choiva. Outros dous elementos decorativos importantes dos tellados dos pazos son as chemineas, que á parte do seu valor práctico, funcionaban como símbolo de poder. Nelas atópase o segundo elemento decorativo: os pináculos.

A planta

Hai catro tipos de plantas para os pazos. A máis común é a cadrada ou rectangular, como as vilas romanas. Un exemplo de planta cadrada atopámolo no pazo de Carraltravesa do século XVIII, situado en Nosa Señora de Sabadelle (Chantada) e un de planta rectangular témolo en San Martiño de Bóveda, no pazo dos marqueses da vila, de influencia neoclásica, en cuxa fachada se atopaban pinturas de estilo pompeiano, que, por desgraza, apenas se conservan.

Outros edificios eran construídos en ángulo recto. É o caso do Pazo de Vilar en San Martíño (Pantón) ou do pazo de Perrelos na comarca de Taboada. Este último, con fachada barroca, presenta unha arquería que forma portais, construída en cantaría de granito, e conta cunha bonita fonte no xardín.

En terceiro lugar atopamos os pazos con forma de U e patio central. Un exemplo deste tipo atopámolo de novo na comarca de Pantón: o Pazo de Ferreiroá, construído no século XVIII e rodeado por unha balconada que dá a un belo xardín. Na súa fachada posterior tamén ten unha solaina e patio.

Finalmente, podemos mencionar un grupo minoritario de pazos con planta irregular. Isto prodúcese polas diferentes construcións, ou engadidos posteriores que se foron anexando ao longo dos séculos.

Image

Alicerces e columnas

Image

 

Image

 

Image

 

Image

A construción de solainas, balcóns e soportais obriga ao uso destes elementos arquitectónicos. Os alicerces, que adoitan ser de sección cadrada, utilízanse para soportas os pesos grandes, e as columnas, moito máis esveltas, quedan reservadas para os máis lixeiros. Os dous constan de base simple, fuste biselado e capitel de orde dórica ou toscana.

A fachada

Na fachada principal, orientada cara ao Norte, atopamos as escaleiras ou escalinatas que posuían unha dobre función: a práctica de posibilitar o acceso ás partes nobres, e a monumental de funcionar como unha especie de escenario. Os materiais empregados para a súa construción son a pedra granítica e o ferro. As escaleiras están colocadas de tal maneira que dan a unha galería aberta, formando un patín a modo de vestíbulo. É moi común que estean adornadas por balaustradas, decoracións típicas do barroco galego.

A fachada que estaba orientada ao mediodía era onde se atopaban as galerías, os balcóns ou as solainas. Estes corredores adoitaban ser de gran tamaño e tamén estaban rodeados de balaustres. Os materiais máis utilizados para a súa construción son a pedra, o ferro, e a madeira. Como se trataba da zona onde máis luz se recibía, era a utilizada para descansar, para pasar as tardes tomando o sol mentres se facían labores manuais, ou como miradoiro. Tamén se aproveitaba para secar o millo, a froita ou outros produtos da terra.

Outro elemento importante que atopamos nos balcóns e solainas son as ménsulas, pezas sustentadoras, normalmente de gran tamaño, utilizadas como soporte. Estaban feitas de granito, de forma sinxela pero robusta, e con formas xeométricas.

Os brasóns

Estes escudos, parte imprescindible da decoración dos pazos, situábanse maioritariamente na fachada principal, pero tamén na fachada da capela ou do portalón. Adoitan presentar forma ovalada, aínda que, con menor frecuencia, tamén os atopamos de forma cadrada ou rectangular. Cumpren unha función estética xa que estaban decorados con gravados de vexetais ou figuras xeométricas, pero sobre todo unha social, dado que amosaban a identidade dos donos. Dentro deles representábanse as armas e os apelidos da familia e algúns presentaban na parte superior coroas, o cal indicaba que pertencían a un ducado ou condado.

Os vans

Algúns destes vans son: portas, xanelas ou portas ao aire. Todos eles teñen forma rectangular e están enmarcados con molduras sinxelas de sillería. O seu perfil pode ser curvo ou plano. Algunhas das xanelas presentan un parteluz horizontal, elemento moi usado na arquitectura barroca para conceder maior luminosidade ao interior do edificio. Nos vans aparece un elemento arquitectónico denominado sobrepenas para protexelos da choiva.

Bibliografía

  • Gran Enciclopedia Gallega.
  • Nogueira Fariña, V. (2001) Pazos de Galicia, Nigra Trea.
  • Pereira Molares, A. (1996) Os pazos, moradas fidalgas de Galicia, Galaxia.
  • Torres Búa, M. (2007) A arquitectura en Galiza: aproximación á realidade arquitectónica xeral de Galiza dende a Prehistoria ata os nosos días, Nigra Trea.
  • Yebra de Ares, A. (2000) Pazos y Señoríos de la provincia de Lugo Tomo I y II. Servizo de Publicacións da Deputación Provincial de Lugo.

 

 

Legal Notice

Image

This page was written by the Spanish team. Only the Spanish team is responsible for its content.
For further information please contact: Jose Armesto o
r María Rodríguez Valcárcel | EPAPU Albeiros
Copyright (c) 2011 by EPAPU Albeiros | Lugo | Galicia | Spain | www.edu.xunta.es/centros/epapualbeiros

Germany

Abendgymnasium Münster Image

www.abendgymnasium-muenster.de
Münster | NRW | Germany

Spain

EPAPU Albeiros

Image

www.edu.xunta.es/centros/epapualbeiros
Lugo |  Galicia | Spain

Netherlands

Horizon CollegeImage

Image

www.horizoncollege.nl
Alkmaar | North-Holland | The Netherlands

Greece

 AEOLIS

Image

www.aeolis.edu.gr
Lesvos Island |  Aegean Sea | Greece 

Theme by Danetsoft and Danang Probo Sayekti inspired by Maksimer