Vida cotiá na Galicia castrexa

PrinterSend to friendPDF version

A VIDA COTIÁ NA GALICIA CASTREXAi

María Xosé Rodríguez Valcárcel

Sempre resulta de interese coñecer como vivían os nosos devanceiros. Na Galicia castrexa, como ocorre con aquelas culturas onde as fontes de información non son escritas ou o son, mais de procedencia allea, o problema é que con certa frecuencia os datos dos que dispoñemos son escasos e mesmo deben ser fortemente contrastados por proviren de fontes que no momento actual, por un ou outro motivo, non nos resultan excesivamente fiables. Para reconstruír os elementos que caracterizan o estilo de vida deste pobo, que precedeu e conviviu cos romanos (e mesmo se romanizou), podemos recorrer á arqueoloxía, á información (nalgúns casos pouco precisa e mesmo sesgada) que nos proporcionan os historiadores clásicos e mesmo á comparación con outros pobos da época. Nalgúns casos as noticias son escasas e é previsible que coñezamos máis datos a medida que avanzan os traballos arqueolóxicos. De seguido imos ofrecer unha breve caracterización sobre a forma de vida dos pobos galaicos.

 

1. Os castros

Image

 
Image
 
Image

A cultura castrexa forma parte das culturas indoeuropeas existentes en Europa occidental na Idade de Ferro e posúe algúns elementos de tipo céltico. Non é uniforme nin no espazo nin no tempo, pero si presenta uns trazos básicos que se manteñen ao longo dos séculos. Os seus poboados típicos, os castros, aparecen nos séculos VIII a VII a.C e mantéñense ata o I d.C. e mesmo ata o V d.C.

Tratábase de pequenas aldeas fortificadas de campesiños que cultivaban cereais, recollían froitos silvestres (fundamentalmente landras de carballo), coidaban o gando e practicaban a metalurxia do bronce e mailo ferro. Este réxime complementábase na costa coa pesca e o marisqueo. 

En Galicia predominan os castros de tamaño medio e pequeno; os segundos aparecen en todas as fases desta cultura, en tanto que os grandes só pertencen ao seu momento final. Na primeira fase (ata o século V-IV a.C) ocupaban sobre todo lugares elevados e ben defendidos. Nunha segunda fase (ata fins do II a.C.) situaríanse en postos que combinaban esta posición estratéxica coa obtención de recursos, difundíndose o denominado “castro de ladeira”. A última fase (ata fins do século II d.C.), tras a conquista romana, sería o dos grandes poboadosii.

En Galicia, en xeral, e na provincia de Lugo, en particular, podemos diferenciar tres tipos de asentamentosiii:

  • Castros costeiros que podemos exemplificar co de Fazouro na Mariña luguesa e o de Baroña no Barbanza. Adoitan presentar un esquema simple, son de planta variada, adaptándose ao terreo e xeralmente as defensas naturais do lado do mar compleméntanse con murallas e foxos cara ao interior.
  • Castros das chairas e vales do interior (Castromao en Celanova, ou Viladonga, na Terra Cha), situados en elevacións máis ou menos destacadas aínda que non en grandes cumios. Teñen planta circular ou ovalada e contan con un ou varios circuítos amurallados.
  • Castros das serras orientais, situados en zonas montañosas de maior altitude (Castro do Vilar e da Torre no Courel, Formigueiros en Samos, os tres na provincia de Lugo) localizados xeralmente nas ladeiras e con planta de forma oval ou irregular con foxos artificiais polo lado superior e murallas ou terrapléns cara ao val. Desenvolvéronse especialmente en época galaico-romana vinculados ás explotacións mineiras.
    Image

 

Os castrexos asentaban os seus poboados, polo xeral, en lugares que combinaban a posición defensiva e a proximidade ás terras de labor, agás algunas excepcións como pode ser o castro de Baroña en Porto do Son, ubicado nun posto certamente inhóspito. Nun radio de aproximadamente un quilómetro arredor dos castros estaban as terras de labor e os recursos necesarios para a vida como auga, leña, pastos, etc. Rodríguez Colmeneroiv caracteriza do seguinte xeito o hábitat castrexo:

“Á hora de intentar definir a súa modalidade de hábitat, pódese afirmar que o castro, o seu poboado típico, é unha aldea asentada en altura, polo regular sobre un outeiro, unha ladeira ou o ribaz dun río. Na súa situación resultaban determinantes, á parte das facilidades de abastecemento de auga potable para a poboación e o gando, os condicionantes defensivos óptimos, xa que ao ser a castrexa unha sociedade guerreirav, temerosa sempre de invasións, migracións foráneas ou disputas territoriais entre tribos, procuraba os espazos que fosen máis axeitados para a defensa mediante murallas, ás veces ata de cuádruplo circuíto, fosos ou estacadas”.

Rodríguez Colmenerovi afirma que no escenario do que posteriormente será a Gallaecia non existía en tempos prerromanos unidade política senón un “mosaico de ámbitos tribais de corte comarcal” que posteriormente adoptaría Roma para organizar os seus dominios territoriais. O propio Plinio deixa escrito que foron creadas corenta unidades ás que denominará civitates no convento bracarense (un total de vinte e catro) e populi no lucense (dezaseis neste caso). Os establecementos castrexos que abranguía cada unha destas unidades eran diferentes en tamaño e categoría e atopábanse subordinados uns a outros. As fontes epigráficas e un documento escrito sobre bronce aparecido recentemente na zona do Bierzo permiten deducir que “a civitas ou populus diversificábase en unidades territoriais inferiores, todas elas de idéntica categoría, denominadas castella (castros), cada unha das cales comprendía un territorio dominado por un poboado principal, ao que estaban subordinados outros castros de menor tamaño”. No castro principal residirían as autoridades locais que estarían, ás veces, presididas por aristócratas indíxenas denominados principes. Tamén dentro dos castros principais habería un hexemónico onde residiría o poder executivo, se reunirían as asembleas xerais, sería o centro de administración do territorio, etc. A el asistirían periodicamente os representantes de todos os castros da civitas para deliberaren sobre asuntos de goberno, ou os cidadáns con dereito a voto para participaren nas asembleas xerais da tribo.

Image

En canto ao número de habitantes existentes na época no equivalente á Galicia actual só temos datos hipotéticos. Plinio comenta que arredor do século I a.C. podería haber unhas duascentas dez mil persoas, o que daría unha media de sete habitantes por quilómetro cadrado, pero esta poboación distribuiríase dun xeito irregular polo territorio. Si se pode constatar un incremento notable de poboación ao longo da dilatada historia desta cultura, desde uns comezos con poucos castros de pequeno tamaño ata unha fase final con moitos castros de tamaño medio e mesmo algún grande. A esperanza de vida estaba nos trinta e dous anos. Cabe pensar que, en paralelo con outras poboacións antigas, os castrexos presentarían unha elevada mortalidade infantil e unha natalidade aceptable que permitía o incremento demográfico.

Polo que se refire ao sistema de transmisión da propiedade, Estrabón comenta que son as mulleres as que reciben o dote , as que herdan, e logo teñen a responsabilidade de fixar os acordos matrimoniais dos seus irmáns. Podemos deducir disto que os bens inmobles (propiedade ou usufruto das terras familiares) transmítense por liña materna e son as mulleres as que teñen ao seu cargo o traballo da terra. Aos homes corresponderíalles o gando, o botín conquistado nas expedicións guerreiras e os obxectos de ourivería coma os torques. Este sistema de herdanza e propiedade implica que os varóns irían residir ao fogar da súa esposa.

 

2. Lingua e relixión

En canto á lingua que falaban, temos moi poucos datos, porque só podemos basearnos nos testemuños epigráficos e na toponimia. Armada Pitavii dinos que a análise de varias inscricións galaico-lusitanas redactadas en lingua indíxena, pero en alfabeto latino, xunto coas testemuñas fornecidas pola epigrafía, toponimia e fontes clásicas fan nacer dúas correntes de opinión verbo deste tema. Unha considera o lusitano unha lingua indoeuropea, pero os trazos arcaicos que presenta diferenciaríana das linguas célticas. Habería que denominala proto-celta, e polo tanto anterior á división do primitivo tronco indoeuropeo nos diferentes grupos lingüísticos. A outra corrente postula que ese trazo de arcaísmo non é criterio sólido e concluínte para negar que a lingua lusitana pertencese ao tronco céltico.

Outra cuestión de interese en materia lingüística da que se ocupa Armada Pita é a referente a se galaicos e lusitanos falaron unha ou diversas linguas. Aínda que recoñece que tivo que haber variantes dentro do territorio, afirma que debeu existir unha relativa unidade lingüística.

Polo que se refire á relixión, temos as mesmas ou maiores dificultades que noutros ámbitos para caracterizar esta cultura porque todos os datos son o resultado do contacto coa relixión romana, de feito non temos ningún documento propiamente castrexo no ámbito relixioso. Si podemos dicir que practicaban unha relixión de tipo politeísta. En efecto, coñécense decenas de nomes de deuses adorados polos castrexos, pero a frecuencia coa que son mencionados fai pensar que uns serían máis importantes ca outros, o cal tamén leva a pensar que debía existir un panteón definido e perfectamente estruturado. O deus supremo sería Lug, identificado con Mercurio polos romanos e asociado ao xabaril ou ao oso. Outro é Bandua, que ocuparía o lugar inferior a este e foi asociado con Marte polos romanos. Pena Granha viii dinos que “O deus galaico da guerra morre luitando defendendo os camaradas, mas logo ressuscita e conduz os caídos ao Paraíso”.

Temos tamén gran cantidade de dedicatorias a Xúpiter, o que leva a pensar que detrás do Deus romano se esconde un indíxena. Outro é Coso que aparece identificado co deus romano Marte en varios epígrafes. Tamén se atoparon gran cantidade de divindades castrexas en relación coas augas e outras como Durbedicus, Edovius, Veroca, algunhas das cales seguramente protexían as colleitas e o gando e propiciaban a fecundidade. Estaban tamén os deuses dos camiños, os Lares Viales, cun culto moi estendido e cos que seguramente se relacionan unha serie de representacións figuradas de cabezas con dúas ou catro caras. Para rematar, a importancia dos ritos con sacrificios fai pensar que seguramente existiron sacerdotes de tipo druídico.

 

3. Actividade económica

Os autores clásicos, cando caracterizan a cultura deste pobo, minimizan a súa dedicación á agricultura e falan, pola contra, da súa afección á recolleita de landras. Os estudos arqueolóxicos botan por terra esta idea, sostida obviamente coa finalidade de caracterizalos como bárbaros. Posuían na realidade unha actividade agraria que non podemos cualificar de arcaica, composta por cereais de inverno e de primavera xunto con leguminosas e verzas. Entre os cereais cultivaban trigo e cebada, xunto con avea en escasas proporcións e millo miúdo. Entre as leguminosas podemos citar os chícharos e as fabas. Tamén cultivarían o liño que, xunto coa la de ovella, formaban a base dunha industria téxtil doméstica ben documentada en todos os poboamentos a través de pesas de fiar e fusaiolas. Antonio Colmeneroix afirma que “Nas chairas inmediatas organizábase a produción agrícola, destinando ao pastoreo e á caza maior e menor as veigas brañentas, así como as montañas próximas, procedendo tamén da contorna máis ou menos inmediata os elementos básicos para a industria artesanal e a combustión, isto é, madeira, ferro e minerais varios, así como leña e carbón para a cocción dos alimentos e para quentar o fogar”.

En canto á gandería, podemos dicir que o gando vacún foi utilizado como produtor de leite, como forza de tracción e ao final dos seus días como provisión de carne e coiro. O cabalo non formaba parte da súa dieta; utilizado probablemente na guerra e nos sacrificios, era tamén un símbolo de riqueza e poder.

En canto á explotación do mar, cómpre indicar que comezou xa na fase inicial desta cultura. Polo xeral mariscaban nas rochas e fondos areosos situados na zona intermareal nos arredores dos seus poboados. A listaxe de mariscos aproveitados é ampla e depende da zona de situación do castro: mexillóns, lapas, diversos tipos de bígaros, caracois, berberechos, ostras, ameixas, navallas, etc. En canto á pesca, atopáronse nos poboados restos de maragota, faneca, pescada, xarda, xurelo, sargo, ollomol, etc. Para a captura empregaban anzois e redes.

Os castrexos dispuxeron de variados recursos alimenticios. Os ingredientes coñecidos máis importantes da cociña castrexa son:

  • Vexetais:
    landras, trigo, cebada, millo miúdo, avea, fabas, chícharos, verzas e froitos silvestres.
  • Animais:
    entre os peixes están prago, pescada, ollomol, dourada, congro, xurelo, xarda, sargo, pancha, pancho picudo, maragota, faneca e robalo; entre os mariscos, ostras, ameixas, berberechos, mexillóns, lapas, percebes, bígaros, ourizos e centolas; entre as carnes, cabra, ovella, vacún e porco de xeito habitual; en menor medida teixugo, xabaril e cervo.
  • Bebidas:
    auga, zythos (especie de cervexa feita pola fermetación dalgún cereal) e viño (de importación, escaso e apreciado).

Todos estes elementos lévannos a poder afirmar que contaban cunha dieta completa e equilibrada. A arqueoloxía non detectou variacións apreciables na alimentación do mundo castrexo desde as fases máis antigas ata o comezo da romanización.

As comunidades castrexas semellan autosuficientes na maioría das súas necesidades básicas e mesmo con capacidade para producir excedentes. Pola contra, non poderían satisfacer directamente o abastecemento de minerais ou de produtos metálicos destinados á fabricación de útiles ou a fins suntuarios como a xoiaría. Tamén serían requiridos outros bens coma o viño, as contas de vidro ou diversos tipos de cerámica. Para estas necesidades desenvolveuse o intercambio tanto interior entre as diversas comunidades de Galicia coma exterior para proverse de produtos coma o viño ou algúns tipos de vaixela cerámica relacionados co seu consumo que se elaboraban noutras áreas da Península ou no Mediterráneo Occidental.

4. A práctica da guerra

Image

Polo que se refire á actividade guerreira destes pobos temos algúns datos, pero tamén numerosas lagoas. O primeiro que cómpre dicir é que se descoñece se todos os varóns se destinaban á actividade bélica. Si é case segura a existencia de confrarías de guerreiros estruturadas e con numerosos paralelos en sociedades de tipo indoeuropeo. Tamén se supón que para acceder ao estatuto de guerreiro se celebraba algún tipo de iniciación, pero non se coñece o contido do rito seguido. Se temos en conta que os varóns debían manter e incrementar o rabaño herdado para conservar o seu prestixio na sociedade, unha das posibles vías para facelo sería a práctica bélica. Parece claro, segundo algún historiadores, que existiría una xerarquía entre os guerreiros: deste xeito estarían na elite os que tiñan un armamento máis pesado e complexo que combaterían a cabalo e por outra banda situaríanse as persoas armadas de xeito máis lixeiro e que probablemente combaterían a pé. Este comportamento coincidiría co xeral das sociedades indoeuropeas.

En canto ás prácticas guerreiras as fontes antigas mencionan constantemente emboscadas, exploracións, manobras rápidas, isto é, o oposto aos pobos “civilizados” da antigüidade. Segundo estas fontes, os guerreiros levaban cabelos longos e atábanos para o combate, entoaban himnos mentres esperaban a morte e os prisioneiros suicidábanse. Mesmo mencionan a participación das mulleres na guerra. Neste caso é difícil saber cal era a realidade, pero si parece claro que prefiren a morte á derrota, que a escravitude e a servidume serían inconcibibles para eles e que, no caso de faceren prisioneiros, estes serían sacrificados ou ben devoltos ás súas comunidades de orixe a cambio dun rescate. Polo que se refire á participación de mulleres na guerra, esta só se daría en situación extremas.

Pena Granhax menciona a existencia de exércitos permanentes de mozos solteiros, de entre catorce e vinte anos organizados en confrarías, baixo o mando de xoves nobres, que unha parte do ano, no verán, funcionaban como policía de fronteira e no inverno actuarían fóra da lei “penetrando a crica inimiga, vingando mortes dos seus, cometendo roubos, fazendo-se com umha dote para o casamento” segundo se deduce dos escritos de Diodoro. Estes grupos existirían tamén noutras sociedades indoeuropeas.

 

REFERENCIAS BIBLIOGRÁFICAS

  • ARIAS VILAS, FELIPE (2009). “A cultura castrexa na provincia de Lugo. Aspectos diferenciais” en Actas do curso A prehistoria en Lugo á luz das descubertas recentes. Lugo, 24 e 25 de abril de 2009.
  • ARMADA PITA, X.L. El debate sobre los celtas y la etnicidad del noroeste peninsular. Una revisión crítica y algunas propuestas. http://www.ucm.es/info/arqueoweb/pdf/4-2/armada.pdf
  • PENA GRANHA, A. (2011) “O Ciclo de Inverno” en Teoria de Inverno. Os presentes do apalpador. Associaçom Cultural A Gentalha do Pichel.
  • RODRÍGUEZ COLMENERO, ANTONIO (2011). Lucus Augusti. A cidade romano-xermánica da Fisterra Ibérica. Xénese e evolución histórica (14 a.C.-711 d. C.). Concello de Lugo. Servizo Municipal de Arqueoloxía, Lugo.
  • VÁZQUEZ VARELA, J.M. , GARCÍA QUINTELA, M. V. (1998). A vida cotiá na Galicia castrexa.Servicio de Publicacións da Universidade de Santiago de Compostela.

NOTAS

  • iSeguimos nesta caracterización, basicamente, a obra de Vázquez Varela e García Quintela (1998) citada na bibliografía
  • iiVid. Arias Vilas, Felipe (2009) páxina 105.
  • iiiArias Vilas, Felipe (2009) páxina 108.
  • ivRodríguez Colmenero, Antonio (2011) páxina 26.
  • vOutros autores dubidan de que poidamos cualificar a cultura castrexa de “guerreira”. Así Felipe Arias Vilas nunha entrevista incluída neste mesmo proxecto afirma “Non hai que esquecer que falamos de “culturas paisanas”, no bo sentido, cunha vida cotiá en xeral non violenta mais con conflitos puntuais relacionados con problemas de pillaxes ou agresións entre veciños. Francisco Calo insiste en que, por cada arma que aparece, pode haber dez ferramentas, o que nos dá idea da menor importancia da guerra en xeral no período castrexo”.
  • viRodríguez Colmenero, Antonio (2011) páxina 25.
  • viiArmada Pita, X. L. El debate sobre los celtas y la etnicidad del noroeste peninsular. Una revisión crítica y algunas propuestas.
  • viii Pena Granha, A. (2011), páxina 187.
  • ixRodríguez Colmenero, Antonio (2011) páxina 27.
  • xPena Granha, A. (2011) , páxina 185.

 

 


Legal Notice

Image

This page was written by the Spanish team. Only the Spanish team is responsible for its content.
For further information please contact: Jose Armesto o
r María Rodríguez Valcárcel | EPAPU Albeiros
Copyright (c) 2011 by EPAPU Albeiros | Lugo | Galicia | Spain | www.edu.xunta.es/centros/epapualbeiros

Germany

Abendgymnasium Münster Image

www.abendgymnasium-muenster.de
Münster | NRW | Germany

Spain

EPAPU Albeiros

Image

www.edu.xunta.es/centros/epapualbeiros
Lugo |  Galicia | Spain

Netherlands

Horizon CollegeImage

Image

www.horizoncollege.nl
Alkmaar | North-Holland | The Netherlands

Greece

 AEOLIS

Image

www.aeolis.edu.gr
Lesvos Island |  Aegean Sea | Greece 

Theme by Danetsoft and Danang Probo Sayekti inspired by Maksimer